- Tematica
O Festival Emerxente de novos artistas regresa esta semana a Bertamiráns cunha nova edición e un cartel cheo de artistas de nivel. Deste xeito, o xoves 6 de agosto, ás 20.00 horas, o parque do Ameneiral xuntará nunha mesma noite a L1gido, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. O evento está organizado polo departamento de Mocidade do Concello de Ames e forma parte do programa de Ames en Festas 2026.
Outro ano máis, o Concello de Ames, a través do departamento de Mocidade, volve apostar pola música galega incipiente coa segunda edición do Festival Emerxente. Nesta ocasión, o cabeza de cartel será L1gido, unha das grandes revelacións do panorama do país. O artista de Santa Comba compartirá escenario con outros dos grandes nomes da música urbana galega, como Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss.
O parque do Ameneiral será o emprazamento escollido para acoller esta iniciativa de aposta por dar voz a artistas mozos a través música emerxente galega. O evento dará comezo ás 20.00 horas.
Artistas da edición 2026
Lg1do comezou a súa traxectoria musical de xeito afeccionado, creando temas e diferentes programas de composición en SoundCloud co seu teléfono móbil. As súas primeiras composicións datan do ano 2021, sendo pequenas pezas de trap e bases de música que subía, en castelán, a plataformas como YouTube.
Segundo o artista, as súas influencias musicais eran Drake, C Marí e o muradés 9Louro. A finais do ano 2025, Lg1do lanzou os seus dous primeiros sinxelos: Frente a frente e Calm Down. En 2026, en colaboración co artista vigués Guzmen, publicou o tema Darche, que, en febreiro deste ano, chegou ao Top 50 da lista de éxitos virais de Spotify. No mesmo ano participou no festival Ulla Fest, no concello de Touro.
No caso de Alddara, esta é unha artista nada en Rianxo e que actualmente reside en Barcelona. Alddara é cantante, letrista, compositora e produtora galega que forma parte dunha nova vaga de artistas novas que apostan por facer música en galego desde unha mirada actual. A súa proposta combina unha voz doce e próxima con beats de pop urbano, construíndo cancións desde o íntimo, o cotián e o emocional.
Outro dos artistas deste ano é Fran Saint Laurent. O santiagués, irmán de 9collazo9 (outro dos grandes artistas do panorama urbano galego), comezou este ano a facer música, movéndose entre o trap e o drill pero sempre de xeito melódico. Ademais de facer música, Fran Saint Laurent tamén dirixe videoclips.
Dupliss, veciño de Bertamiráns, é un artista urbano contemporáneo que comezou hai anos a facer música, mais non foi ata o ano pasado que comezou a distribuíla polas plataformas de streaming. O seu estilo, definido nas súas propias palabras, é underground e urbano.
Por último, Metan. Este artista, veciño do concello de Brión, fai música de estilo trap, mais tamén introduce o xénero do reguetón. Leva catro anos escribindo música, mais de momento só podemos escoitarlle colaboracións, xa que as pezas en solitario comezarán a subirse en breves. Metan xa foi un dos artistas participantes na primeira edición do festival.






