Solapas principales

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 7,88 millóns de euros para humanizar a N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Viernes, 23 de septiembre de 2022

A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitaron hoxe o concello de Ames, onde anunciaron a inclusión da obra de humanización da avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro, nos investimentos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Reuníronse co alcalde de Ames, Blas García, a quen lle avanzaron esta decisión que impulsará esta obra, longamente demandada pola Corporación municipal e por toda a poboación do Milladoiro, e na que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 7,88 millóns de euros.

A secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, e mailo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitaron hoxe o concello de Ames, onde foron recibidos polo alcalde de Ames, Blas García, e por unha ampla representación da Corporación municipal. Primeiro visitaron a Casa do Concello, para de seguido desprazarse ata a localidade do Milladoiro, onde anunciaron que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 7,88 millóns de euros para executar o proxecto de humanización da estrada nacional 550 ao paso polo Milladoiro.

Deste xeito, a mellora da travesía da N-550 ao seu paso polo Milladoiro (N-550 entre os PPKK 67+075 e 68+600) súmase á listaxe de humanizacións que está a impulsar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa de actuacións para a mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dotado con 105 millóns dos fondos europeos de reconstrución NextGenerationEU. En Galicia xa se está executando a humanización da avenida das Pías, en Ferrol, a través deste programa.

A actuación na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, converterá a actual travesía, pola que circulan 24.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto, que se atopa en fase de redacción, contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Esta obra completará o desvío vixente de tráfico pesado con MMA>30T a través da autovía autonómica AG-56 e o ramal de “As Galanas”.

A secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, explicou que este proxecto, tan demandado pola poboación do Milladoiro, permitirá transformar o núcleo urbano do Milladoiro e por conseguinte a vida dos seus cidadáns. Segundo a secretaria de Estado é un proxecto de rexeneración do espazo urbano que vai permitir facer unha transformación do concepto de vida. Ademais, fará compatible a vida da cidadanía coas necesidades das actividades económicas. O proxecto está na última fase de redacción para que poida ser revisado e debatido polos Concellos implicados, para despois xa poder licitar a obra.

O alcalde de Ames, Blas García, incidiu na gran importancia que ten este anuncio para o Concello de Ames, pero fundamentalmente para os veciños e veciñas do Milladoiro. “Este é un traballo que comezamos a facer hai moito tempo para agora poder chegar a este punto. Xa comezou a traballar nisto o anterior alcalde e agora delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ademais, tamén tivemos a colaboración da veciñanza do Milladoiro e das asociacións de empresarios e comerciantes desta localidade, así como da Plataforma veciñal N-550, que realizou un gran traballo. Hai que lembrar que chegouse a facer unha manifestación en xuño de 2018 co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. A partir de agora xa comezamos a dar pasos reais para que o antes posible O Milladoiro poida estar humanizado e sexa un lugar mellor para vivir”.

A humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro é unha vella reclamación da poboación desta localidade e de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal do Concello de Ames. En febreiro de 2018 constituíuse a plataforma veciñal N-550, co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. Dende hai máis de 25 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 24.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.

Cómpre lembrar que dende o pasado 12 de decembro de 2018 os vehículos pesados teñen prohibido circular pola avenida de Rosalía de Castro. Posteriormente, en febreiro de 2019 colocáronse na AG-56 e no corredor AC-522 as sinais que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Os vehículos pesados teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La N-550 tendrá un solo carril por sentido en O Milladoiro y dos nuevas rotondas"

El Correo Gallego: "Humanizarán Milladoiro con dos carriles, una vía ciclista y menos aparcamiento"

Enfoques: "El Gobierno destinará 7,8 millones a la humanización de la travesía de la N-550 en O Milladoiro"

Lindeiros: "Presentado o proxecto de humanización da Nacional 550 ao seu paso polo Milladoiro"

Imaxe da presentación do proxecto

Multimedia

  • Imaxe da presentación do proxecto
  • Imaxe da visita á Casa do Concello de Isabel Pardo de Vera e José Miñones
  • Imaxe da visita á Casa do Concello de Isabel Pardo de Vera e José Miñones
  • Imaxe da visita á Casa do Concello de Isabel Pardo de Vera e José Miñones
  • Imaxe da visita á Casa do Concello de Isabel Pardo de Vera e José Miñones
  • Imaxe da visita á Casa do Concello de Isabel Pardo de Vera e José Miñones
  • Imaxe do proxecto
  • Imaxe do proxecto