Solapas principales

O Milladoiro e Bertamiráns disporán de carreiros escolares para conectar o núcleo urbano cos centros de ensino

Viernes, 16 de septiembre de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves, 15 de setembro, a presentación do proxecto de creación de carreiros escolares que conectarán os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro cos centros de ensino. Dita presentación realizouse coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade que se conmemora do 16 ao 22 de setembro. Interviron no acto a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, os redactores do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL, Ángel e Samuel Folgueral, e mailo alcalde de Ames, Blas García. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto ten un orzamento base de contratación de 411.283 euros. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Nestes intres está en fase de licitación o proxecto de creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, que conta cun orzamento base de contratación de 411.283 euros. Para dar a coñecer dita actuación e con motivo da conmemoración da Semana Europea da Mobilidade de Ames, realizouse un acto público para presentar dito proxecto no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

A dito evento acudiron membros da comunidade educativa amesá, así como do tecido asociativo do concello. Tamén acudiron varios/aas concelleiros do Goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e Ames Novo. No acto interviron a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, os redactores do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL, Ángel e Samuel Folgueral, e mailo alcalde de Ames, Blas García.

A concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, comezou a súa intervención explicando que “a creación dos sendeiros escolares nos cascos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns non é unha actuación illada, senón que está incluída no PMUS de Ames e na estratexia DUSI Impulsa Ames, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER, e a súa construción está sustentada en varios estudos previos de análise que confirman a idoneidade desta actuación”.

Ademais, engadiu que “trátase de rutas de trazado sinxelo e seguro. Rutas que favorecen que os nenos e nenas vaian aos seus centros educativos a pé ou en bicicleta, pero o seu uso e aproveitamento vai moito máis alá do eido educativo. O obxectivo é que os rapaces reconquisten as rúas, que recuperen as vilas, que poidan volver gozar dun espazo público rehumanizado, e para iso é imprescindible que poidan moverse con seguridade e autonomía. Isto é fundamental para o seu desenvolvemento persoal e a tranquilidade das familias”.

“Está demostrado que para os nenos e as nenas é positivo e moi estimulante coñecer a súa contorna, o seu barrio e a súa veciñanza… pero a pé de rúa, non dende un vehículo. Porque isto contribúe enormemente á súa confianza, autoestima e independencia. E non só ten efectos beneficiosos no eido emocional e psicolóxico. Con esta medida, a mellora na saúde dos menores é integral, axudando á prevención da obesidade nestas idades; diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares; e contribúe a aumentar a masa muscular e a mellorar a saúde da columna vertebral”.

Cidades axeitadas para as nenas/os
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “dende o Concello de Ames estamos comprometidos a que todos os días sexan días de ir camiñando á escola, pero sabemos moi ben que isto non é só unha cuestión de vontade ou de conciencia individual. Para que isto sexa posible, o apoio das institucións e dos gobernos é imprescindible. Como nais e pais nada nos preocupa máis que a saúde e o benestar dos nosos rapaces. Pero isto ten que ser compatible coa súa seguridade e coa tranquilidade das familias. O labor é comunitario, colectivo, require da implicación e participación de todas e todos nós, pero as facilidades para acometelo teñen que partir das institucións”.

“En Ames temos unha das medias de idade máis baixas de Galicia. Temos as condicións e a fortuna de non formar parte desa Galicia baleirada ou da Galicia avellentada. Somos e queremos seguir sendo un concello de futuro. Así que non desaproveitemos a oportunidade de posicionarnos como un lugar atractivo, estimulante, didáctico, sano, amable e seguro para os máis novos. Porque aí empeza todo. As políticas e medidas deseñadas para beneficiar os rapaces acaban mellorando a vida de toda a poboación. As políticas que teñen en conta os máis vulnerables son máis xustas. E é que, en realidade, todas as persoas, nalgún momento das nosas vidas, imos ser vulnerables. En palabras do famosísimo psicopedagogo Francesco Tonucci: <Unha cidade axeitada para nenas e nenos… é unha cidade boa para todos>”.

Carreiro escolar do Milladoiro
Os redactores do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL, Ángel e Samuel Folgueral, foron os encargados de explicar as características deste proxecto. Deste xeito, a senda escolar prevista para o acceso ao CEP de Ventín dende a zona oeste do Milladoiro terá un trazado eminentemente rural e está divida en tres treitos. O primeiro tramo parte dende a rúa do Buxo. É un camiño de terra que haberá que acondicionalo. Para iso vaise facer un pequeno desmonte e de seguido aplicarase zahorra e 10 centímetros de cemento para dotar ao firme dun chan antideslizante.

Na intersección deste camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda. Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Deste xeito, executarase un carreiro de tres metros de ancho que disporá dun borde de separación co carril de circulación de vehículos. Neste segundo tramo tamén se contempla a colocación de luminarias.

Ao final do tramo en asfalto comentado, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda. Ao igual que no primeiro treito farase un pequeno desmonte e aplicarase zahorra e cemento para dotar a este tramo dun firme antideslizante.

Carreiro escolar de Bertamiráns
A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

O sendeiro de Bertamiráns disporá dun acho aproximado de tres metros, aínda que nalgúns tramos dito ancho terá que reducirse a dous metros e medio. Será un carreiro completamente accesible, xa que cumpre a normativa en canto ao desnivel. Para executar dito sendeiro aplicaranse 6 centímetros de aglomerado e un tratamento específico antideslizante.

Imaxe da presentación no Milladoiro do proxecto de carreiros escolares

Multimedia

  • Blas García, alcalde de Ames
  • Beatriz Martínez, concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto
  • Ángel Folgueral, redactor do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL
  • Samuel Folgueral, redactor do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL