- Tematica
A programación de Nadal 2025 do Concello de Ames continúa a vindeira semana coa chegada de Papá Noel, que estará no Milladoiro este luns, 22 de decembro, e en Bertamiráns o martes, día 23. As visitas realizaranse de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, en ambas localidades, e os nenos e nenas que se acheguen a coñecer a Papá Noel poderán sacar unha foto con el e levarán para a casa un agasallo.
O Concello de Ames será unha das paradas de Papá Noel antes de repartir os regalos a noite do 24 de decembro. O luns 22 de decembro fará unha visita aos nenos e nenas do Milladoiro no centro social (antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8). Ao día seguinte, o martes 23 de decembro, achegarase a Bertamiráns para facer o propio na Casa dos Maiores, situada na praza da Maía. Ambas visitas serán en horario de mañá, de 11.00 a 13.30 horas, e de tarde, de 17.00 a 19.30 horas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, convida a todos os veciños e veciñas de Ames a participar nesta actividade. “Todos aqueles nenos e nenas que acudan a saudar a Papá Noel levarán un detalle como agasallo, e ademais, poderán inmortalizar o momento no fotomatón que estará dispoñible tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Para esta actividade non é necesario dispor de cita previa”.
Programación de Nadal de decembro
Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025 ofrecida polo Concello de Ames, que comezou o xoves 4 de decembro co acendido das luces de Nadal e rematará o próximo sábado, 10 de xaneiro, co concerto de Reis a cargo de cinco agrupacións corais de Ames.
Entre medias, e antes de que remate o ano, os nenos e nenas do concello poderán desfrutar doutra das actividades máis rechamantes da programación, como é a visita das personaxes de Disney, que o día 29 de decembro estarán na Casa dos Maiores de Bertamiráns, situada na praza da Maía, e o día 30, no centro social do Milladoiro (antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8). Ambos encontros en horario de 11.00 a 13.30 horas pola mañá e de 17.00 a 19.30 horas pola tarde.
O ano pecharase coa gran Festa de Fin de Ano en Ames o día 31 de decembro. Desde pola mañá, a veciñanza poderá desfrutar das xa tradicionais Prebadaladas, que darán comezo ás 11.30 para repartir as bolsas con cotillón, arandos e con moita música e animación na praza do Concello. Pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas, tamén na praza do Concello, será a quenda do Tardeo, que se presenta como unha das novidades deste Nadal e que será un punto de encontro festivo para todos os públicos.
Tras as badaladas terá lugar unha Festa de Fin de Ano, que se celebrará no pavillón de Bertamiráns, de 1:00 a 8:00 horas, dirixida a persoas maiores de 18 anos. Trátase dunha das principais novidades da programación municipal para este ano, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio nocturno no propio concello. Contarase con servizo de autobús cunha liña fixa, que saíra a 1.00 horas. A volta farase a partir das 04.00 horas con saídas cada hora dende o pavillón de Bertamiráns.






