Solapas principales

O Milladoiro acolleu o acto das Letras Galegas no que se entregaron os premios do XIX Certame literario Concello de Ames

Viernes, 13 de mayo de 2022

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde o acto central da programación do Mes das Letras Galegas en Ames. Foi un acto literario – musical no que se entregaron os premios do XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e de poesía. A parte musical correu a cargo do grupo que participou no Obradoiro de Acollemento Lingüístico. En Galego co teu Acento!, impartido en Bertamiráns, e dos grupos de guitarra e linguaxe musical da EMMA. O acto estivo conducido pola actriz e presentadora Marián Bañobre de Ibuprofeno Teatro.

Dende o ano 1963 no mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas, unha cita importante para literatura galega, a través da que se pretende homenaxear ás figuras máis destacadas do panorama literario galego. O Concello de Ames únese un ano máis á celebración desta efeméride cunha serie de iniciativas que non só teñen como finalidade homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, a figura central do Día das Letras Galegas 2022, senón tamén contribuír á posta en valor da literatura e da lingua galega.

O acto central, conducido pola actriz e presentadora, Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro, foi unha gala onde a literatura e a música se converteron nas protagonistas da tarde. O acto comezou cunha actuación das persoas integrantes do Obradoiro de Acollemento Lingüístico. En Galego co teu Acento!, impartido en Bertamiráns. Aylín Barreto, Óscar García (Monti) e José Antonio Lago, cantaron acompañadas da guitarra, unha adaptación do poema Galicia Infinda de Florencio Delgado.

De seguido, interviu a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, que comezou dando lectura ao poema O Galego de Florencio Delgado Gurriarán. “El, no período da Segunda República, foi o único poeta que facía versos en defensa e ilustración da lingua galega. Foi un home moi fiel ao idioma galego. Era un escritor monolingüe como había moi poucos na súa época. Este ano adicámoslle o día das Letras Galegas a este poeta que creaba as súas obras na lingua propia, na lingua nai”.

“Nese mesmo camiño atópanse as 153 persoas participantes no XIX Certame literario de Ames. Persoas comprometidas que escollen a nosa lingua para expresar, a través das súas obras. É todo un orgullo para nós a consolidación acadada do noso certame que recibe obras desde todos os recunchos do país e mesmo desde máis aló das nosas fronteiras. Con el pretendemos descubrir o talento de todas as persoas que escriben en galego desde as idades máis temperás, impulsar a creación literaria e difundir a lingua e cultura propias do país de xeito que sintamos que o día das Letras son os 365 días do ano”, dixo Escarlata Pampín.

A concelleira de Normalización Lingüística rematou dando as grazas a todas as persoas que participaron nesta edición do Certame Literario, aos integrantes do xurado, ás persoas participantes no Obradoiro de Acollemento Lingüístico, a Marián Bañobre e ao alumnado da Escola municipal de Música de Ames.

Tras a intervención da concelleira foi a quenda do alcalde, Blas García, que desatacou a figura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas. Tamén destacou “a calidade dos 153 traballos presentados este ano ao XIX Certame Literario Concello de Ames. Trátase dun certame xa consolidado que crea canteira de novos escritores e escritoras dentro do panorama literario galego. É importante a celebración de certames e actos como este porque fomenta a escritura e maila fala en galego, pero aínda é máis importante facer uso da nosa lingua todos os días do ano”.

XIX Certame Literario Concello de Ames
A presentadora do acto, Marián Bañobre, presentou aos membros do xurado deste ano que estivo formado pola profesora e escritora, María López Sández, o poeta e profesor Ismael Ramos, e o profesor e crítico literario, Armando Requeixo, os tres veciños e veciñas de Ames.

En representación do xurado do Certame Literario interviu Armando Requeixo, que destacou que “este ano o certame tanto na modalidade de poesía como e narrativa tivo unha participación moi notable, o que fala ben ás claras da súa vitalidade. O certame pouco a pouco foi collendo forza e músculo e está a piques de chegar ás dúas décadas de vida. Moita da literatura galega dos últimos anos foi recoñecida neste certame, un indicativo de que é unha referencia dentro do panorama literario galego”.

De seguido, fíxose a entrega dos premios do XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Nesta edición presentáronse 153 traballos. Os 18 traballos gañadores proceden de once concellos, espallados por toda: Ames, Carballo, A Coruña, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, no concello amesán quedaron tres galardóns, entre eles os primeiros premios na 1º e 3º categoría de narrativa, así como o segundo posto na 2º categoría de poesía.

En narrativa, Comba Vilar Castro, Hugo Davila Avendaño, Mencía Naz Fernández foron os autores e autoras premiados na 1ª categoría na que participan rapaces e rapazas ata os 13 anos; na 2ª categoría (dos 14 aos 17 anos) recibiron premio Noelia Fernández Romero, Antía Quinteiro Fagín e Mariña Maceiras Segovia; a 3ª categoría (18 anos ou máis) as persoas recoñecidas foron Anna Figueirido, Francisco Javier Davila e Óscar Reboiras Loureiro.

Na modalidade de poesía, Arwen Fernández García, Adrián Suárez Pereira e Yegor Padín Guryanova foron os rapaces e rapazas premiadas na 1ª categoría (ata os 13 anos); na 2ª categoría (dos 14 aos 17 anos) premiáronse os traballos de Mariña Maceiras Segovia, Carla Crespo Berdullas e Nerea Pallarés Barca; por último, os e as poetas premiados na 3ª categoría (18 anos ou máis) foron Branca Trigo Cabaleiro, Xurxo Alonso García e José Ramón Sánchez Varela.

Trala entrega de premios, tocoulle a quenda ao alumnado de guitarra e linguaxe musical da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que dirixidos polos profesores Antonio Bravo e Ana Blanco, interpretaron o Himno Galego. O obxectivo desta gala foi, como en anos anteriores, visibilizar a vitalidade e a calidade da creación literaria na nosa lingua e homenaxear a todos os creadores e creadoras, en especial ás persoas gañadoras na convocatoria literaria do Concello de Ames e ao autor escollido pola Real Academia Galega.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames entrega os premios do certame de narrativa e poesía"

El Correo Gallego: "Premio aos dezaoito mellores vates e narradores do XIX Certame Literario"

O Milladoiro acolleu o acto das Letras Galegas no que se entregaron os premios do XIX Certame literario Concello de Ames

Multimedia

  • O Milladoiro acolleu o acto das Letras Galegas no que se entregaron os premios do XIX Certame literario Concello de Ames