Solapas principales

O Milladoiro acolle este venres a XV edición do Millarock

Jueves, 30 de julio de 2026

Este venres, 31 de xullo, a localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Nesta cita musical actuarán os grupos Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Tamén por segundo ano consecutivo, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.

Xa está todo preparado no Milladoiro para acoller a décimo cuarta edición do Millarock, unha das citas musicais máis esperadas na localidade amesá e que serve como punto de encontro ano tras ano para os amantes da música. O evento, de entrada libre e gratuíta, celebrarase este venres, 31 de xullo, na Travesía do Porto, no Milladoiro. 

Ademais, o Millarock dará o comezo, un ano máis ao “Ames en Festas”, un cartel que, por cuarto ano consecutivo, encadeará 10 días consecutivos de troula e música nos dous principais núcleos poboacionais do concello, O Milladoiro e Bertamiráns.

Programación do Millarock 2026
Este ano, o cartel sorprenderá na súa variedade, e tamén na súa capacidade de valorizar o rock como o estilo musical por excelencia, creando un punto de encontro de distintas xeracións a través da música. Rock galego, con grupos locais e da contorna, mesturando as bandas emerxentes coas formacións consolidadas e de longa traxectoria. 

Ás 19.00 horas, no Anfiteatro do Milladoiro, A Casa do Rock achegará un obradoiro musical para os máis pequenos e pequenas a través do Merenda Rock, co obxectivo de gañar máis adeptos á música entre as crianzas. Logo, a propia Casa do Rock subirá ao escenario para ofrecer o seu xa clásico concerto didáctico. 

Como guinda, Tentáculo Rock pechará os concertos do Anfiteatro do Milladoiro. Este grupo formado no ano 2017 por catro amigos na Escola unitaria da Igrexa de Ortoño. Agora, sendo xa estudantes de Agro do Muíño veñen de gañar o certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar”, co seu tema “Vou a 120”.   

Xa pola noite, ás 21.30 horas, a acción cruza a zona verde e trasládase ao asfalto da Travesía do Porto. Neste emprazamento haberá un total catro actuacións, compoñendo un dos carteis máis auténticos o festival: Extrema Función, Familia Caamagno, Sr Salvaje e Factoría de Subsistencia serán os encargados de poñer o rock na franxa nocturna. 

Extrema función é un grupo formado por Pepo Suevos, Héctor Rodríguez, Luís Durán, Iris Durán, Paco Fanego, Pachi Corostola, Rafa e Maira, e defínense como un un grupo de amigos que se xuntan cada semana con gañas de compartir boa música, bo ambiente e moitas gañas de divertirse enriba do escenario do Millarock.

No caso de Familia Caamagno, a banda é ben coñecida no panorama musical galego. Veñen de publicar o su terceiro LP “Disco Comarcal”, para o que farán unha xira durante todo este ano. O grupo está composto por Toni Caamagno, Lano Caamagno, Francesco Caamagno, Jess Caamagno e Manuele Caamagno. 

En canto a Sr Salvaje, aínda que emerxentes, xa coñecidos no panorama galego polo seu directo tremendamente explosivo contan cunha fórmula que parece sinxela: base clásica de rock de alta gradación xunto cunha afiada voz e unha agresiva guitarra, así completan o atractivo pack que enganchará aos mais fieis do Rock patrio. A banda fórmana Guillermo Vistoso, Antón Torroncho, Emilio Iniesta e Manuel Gómez.

Factoría de Subsistencia está integrada por artistas que sempre estiveron relacionados coas músicas deste país ata que, por fin, cruzaron os seus camiños para poñer en marcha este proxecto común. Os aromas de Korosi Dansas, Magritte, Xestreu, Carapaus, Emilio Rúa, e outros dos moitos proxectos nos que participaron, flúen ao longo da súa discografía, que navega descaradamente polas augas do rock alternativo. O grupo fórmano Sabela Dacal, Josito Porto, Rafa Otero e Adrián Ríos. 

O Millarock pola inclusividade
Do mesmo xeito que na edición anterior, contarase con mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Por outra banda, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.  

Ademais, outro ano máis, contarase con horarios de atraccións sen ruído durante todos os días do “Ames en Festas 2025”, para que as persoas con sensibilidade auditiva poidan gozar das atraccións durante as xornadas festivas. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns. 

Con estas propostas, apóstase por organizar unhas festas máis inclusivas ofrecendo opcións nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos do mellor xeito posible e facilitando así a asistencia das persoas que, habitualmente, non poden asistir e desfrutar das atraccións de feira, unha das alternativas de ocio máis habituais durante as festas. 

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "El Milladoiro más rockero, inclusivo y para todas las edades"

O Milladoiro acolle este venres a XV edición do Millarock

Multimedia

  • O Milladoiro acolle este venres a XV edición do Millarock