Solapas principales

O Milladoiro acolle este sábado a XVIII Gala do Deporte do Concello de Ames

Jueves, 19 de febrero de 2026

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este vindeiro sábado 20 de febreiro a XVIII Gala do Deporte Municipal. Un evento que recoñece aos deportistas e institucións deportivas máis destacadas do Concello de Ames durante o pasado ano deportivo 2025. O acto terá lugar ás 20.30 horas e estará presentado polo xornalista Diego Viaño.

O Concello de Ames, mediante o departamento de Deportes, celebra este sábado 20 de febreiro, ás 20.30 horas, a XVIII edición da Gala do Deporte Municipal, na que estarán presentes os e as mellores deportistas de Ames. Tamén farán o propio os clubs e entidades deportivas. O evento estará conducido polo contrastado xornalista deportivo Diego Viaño. 

Malia que os premios se darán no propio evento, xa se coñecen os gañadores do recoñecemento especial e o de entidade colaboradora. O primeiro irá para José Regueiro Arufe, como peza fundamental do Biduído SR, ao que leva vinculado 43 anos, tanto de xogador como de adestrador. En canto ao galardón á entidade colaboradora, nesta edición irá dirixido a Tómate más fruta. 

Nesta edición, a cerimonia contará, a maiores destes dous recoñecementos mencionados, cun total de seis premios: Deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, Promesa masculina máis destacada de Ames, Promesa feminina máis destacada dun club de Ames, Deportista masculino máis destacado de Ames, Deportista feminina máis destacada de Ames, e Club máis destacado de Ames.

Ademais de todos eles, e como ven sendo habitual en edicións anteriores, haberá unha categoría reservada ao premio do público, que puido votar polo/a seu deportista favorito/a. Guillermo Carracedo Robelo (surfista de paddle surf), Blanca Millán Modía (xogadora de baloncesto), Verónica Fernández (boxeadora), Hugo Novoa (futbolista) e Nuria Rábano (futbolista), foron os nomeados para esta categoría. 

Deportistas e club máis destacados de Ames
Tanto as categorías masculina e feminina de deportista máis destacado, como a do club máis destacado, son as xoias da coroa da Gala do Deporte Municipal de Ames. Nesta edición, os nomeados son: o atleta Tariku Novales e o fútbolista Hugo Novoa, na categoría masculina; a boxeadora Verónica Fernández e a futbolista Nuria Rábano, na categoría feminina; e o Básquet Ames, o Milladoiro SD e a Escola de Karate Dokkodo, na categoría de club. Tanto os deportistas da categoría masculina como as da feminina, son atletas de elite, con carreiras de éxito, esforzo e dedicación en cadanseu deporte. 

Tarilu Novales obtivo no 2025 a segunda mellor marca galega de todos os tempos en 10 quilómetros en ruta no Madrid Vintage Run By Total Energies, cunha marca de 28 minutos e 33 segundos, ademais da hora e 4 minutos na Media Maratón de Praga. No caso de Hugo Novoa, as súas boas actuacións co Deportivo Alavés, da Primeira División, levárono a optar a este premio. 

Na categoría feminina, a boxeadora Elite Amateur Verónica Fernández coroouse campioa de España Elite Feminina en Segovia, título que xa conseguira no 2024. E en canto a Nuria Rábano, na tempada 24/25 destacou no VfL Wolfsburgo da Bundesliga alemá e na Champions League. Actualmente xoga no Utah Royals da NWSL dos Estados Unidos. 

Deportista ou equipo máis destacado dun Club de Ames
Os finalistas para esta categoría nesta edición 2025 son: Austin Johao León García, xogador de 13 anos do Bertamiráns FC; o FC Meigas, equipo de futsal da 2ª División Nacional; e Xián Blanco Calvo, karateka de 11 anos da escola de karate amesá Dokkodo. Todos realizaron unha tempada deportiva excelente, o que os levou a estar neste corte final. 

Austin Johao León García, de 13 anos, xoga no Bertamiráns FC dende a tempada pasadaNo 2025, no seu primeiro ano de infantil, foi convocado polo equipo Infantil de división de honra do RC Deportivo para participar nos seus adestramentos, nalgúns partidos de preparación e en varios torneos. Todo isto axudaríalle para ser convocado coa Selección Galega sub 14 coa que disputou varios encontros de competición. Actualmente, é o máximo goleador da Liga Galega Infantil, con 33 goles, e conta con ofertas do Celta, o Deportivo, ou o Villarreal. 

O Meigas FC chegou ata aquí pola súa gran tempada pasada, acadando a permanencia na categoría por 3ª tempada consecutiva. Ademais, tamén conseguiron o pase para a copa da raíña por 2º ano consecutivo. Un logro ao que so acceden os 36 mellores equipos de España. Tamén se clasificaron para a Copa Galicia, composta polos 12 mellores equipos galegos. Esta gran tempada traduciuse na convocatoria dunha das súas xogadoras coa Selección Galega para o Campionato de España de Fútbol Sala Feminino sub19, conseguindo a medalla de bronce. 

En canto a Xián Blanco, este rapaz de tan só 11 anos acadou a máxima honra autonómica ao proclamarse Campión Galego en Kumite Infantil <45kg, título que completou alzándose como Grand Winner (número 1 do ranking) da Liga Galega de Karate. omo integrante da selección galega infantil, acadou unha meritoria 7ª posición no Campionato de España, quedando a un paso do podio nacional. 

Promesa masculina máis destacada de Ames
Nesta categoría, onde a abundancia de grandes deportistas dificultou a selección, chegaron ao corte final Tiago Vilas Macías, xogador de squash de 12 anos de idade; Iván Gutiérrez Mosquera, ximnasta rítmico de 15 anos; e Diego Cacheiro Blanco, de 17 anos, polo seu gran desempeño xogando ao xadrez. 

Tiago Vilas é un xogador de squash de só 12 anos que no ano deportivo 2025 cadou os seguintes resultados: campión galego sub 11 e sub 13 e campión de España sub11 e sub13, campión no campionato europeo de Portugal (Portuguese), subcampión no campionato europeo de España (Spanish), campión na Copa de España sub13 e 4° na Copa de España sub15.

No caso de Iván Gutiérrez, o camiño do ximnasta ata chegar aquí foi gañar o Campionato de España e de Galicia de base, así como vencer na Copa Base, tanto galega como española. Na categoría de conxuntos foron tamén campións galegos de base e oitavos no Nacional de Base e sextos na Copa Base. Como último finalista, Diego Cacheiro. O xove xadrecista de 17 anos, quedou campión galego sub18 e campión galego absoluto no campionato celebrado en Padrón, e sexto no Campionato de España sub18 que tivo lugar na localidade xienense de Úbeda. 

Promesa feminina máis destacada de Ames
A categoría de Promesa feminina máis destacada de Ames está composta polas finalistas Sofía Blanco Fuentes, ximnasta rítmica de 16 anos; Alicia Campos Vaamonde, futbolista de 17 anos do club Milladoiro SD; e Mara Prieto Mariño, xogadora de squash de 13 anos.  

Sofía Blanco é unha ximnasta de 16 anos que no 2025 quedou subcampioa galega absoluta e 5ª na Copa de España Absoluta (nivel élite), competindo coas mellores deportistas da élite nacional con tan so 15 anos, idade que tiña no 2025. Actualmente, pódese considerar como unha referencia na ximansia rítmica galega.

En canto a Alicia Campos, malia a súa corta idade e esta aínda na etapa xuvenil, xa é unha das capitás do equipo sénior feminino do Milladoiro SD, club no que leva dende os 5 anos. Foi convocada pola selección comarcal en múltiples ocasións, gañando varias copas. o segundo ano de infantil clasificouse co Milladoiro SD para a fase de ascenso a Liga Galega. Tamén adestra ao Benxamín C do club. 

O Milladoiro acolle este sábado a XVIII Gala do Deporte do Concello de Ames

Multimedia

  • O Milladoiro acolle este sábado a XVIII Gala do Deporte do Concello de Ames