Solapas principales

O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío

Miércoles, 02 de julio de 2025

O jazz volve un ano máis ao Pazo da Peregrina coa celebración da oitava edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura que se desenvolverá o venres 4 e o sábado 5 de xullo. Nesta ocasión, o programa inclúe os concertos dos recoñecidos músicos galegos de jazz a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Ademais, o sábado haberá unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e o faladoiro “A situación do jazz e da música galega”. A entrada é libre e gratuíta.

Durante esta fin de semana, os días 4 e 5 de xullño, volverá a soar a música no Pazo da Peregrina coa celebración da oitava edición do festival Ames Jazz. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación dunha sesión vermú durante a xornada do sábado, que se celebrará no local O Transistor. Nesta ocasión, os cabezas de cartel son dous artistas galegos da primeira liña internacional na música jazz como son Álvaro Vieito e Yago Vázquez.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “Ames vai seguir apostando polo Jazz. A cultura é moi ampla, diversa e variada, polo que temos que dar a oportunidade aos veciños e veciñas do noso concello, e aos da contorna, de poder escoller e ofrecer alternativas para chegar a todos os públicos”. Ademais, quixo resaltar que “pretendemos dar un paso máis e desestacionalizar o jazz ofrecendo propostas en diferentes épocas do ano e, sobre todo, poder saír aos colexios e achegarlle á mocidade este xénero musical”.

O festival dará comezo o venres, día 4, ás 22.00 horas, co concerto de Álvaro Vieito Trío, guitarrista galego afincado en Sevilla dende hai moitos anos e que, a día de hoxe, é todo un referente no mundo do Jazz dentro e fóra da nosa comunidade. O artista está a presentar o seu novo proxecto en formato de trío, no que o público poderá gozar dunha experiencia íntima.

Sesión vermú con Gloria Pavía e Rafa Morales
A xornada do sábado comezará a partir das 13.00 horas, coa sesión vermú a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, que terá lugar no establecemento hostaleiro O Transistor. No seu concerto, interpretarán temas propios pero tamén versionarán outros temas clásicos baixo o seu selo persoal.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, haberá un faladoiro no que se debaterá e falará da situación actual do jazz e da música galega. Estará presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical de Praza.gal, e contará coa participación de Marta Gómez, xornalista da TVG especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz; e Ánxeles Porto, propietaria do pub de jazz Borriquita de Belém, en Santiago de Compostela.

Peche do festival con Yago Vázquez Trío
O Ames Jazz poñerá o seu peche final ás 22.00 horas co concerto de Yago Vázquez Trío, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e que é un dos máximos representantes no mundo do jazz a nivel internacional. O artista está a presentar o seu novo proxecto, tamén en formato trío, no que deleitará ao público coas súas últimas composicións. O seu ultimo disco, titulado Familia, foi seleccionado entre os 10 mellores discos do 2024 por NPR Alt. Latino.

Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como o faladoiro terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío"

Bisbarra: "O Ames Jazz regresa ao Pazo da Peregrina na súa oitava edición"

O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío

Multimedia

  • O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío
  • O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío
  • O jazz volverá a soar en Ames os días 4 e 5 de xullo con Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío