Solapas principales

O IES Plurilingüe de Ames celebra con éxito a primeira Mock Conference que recrea unha conferenciada da ONU sobre cambio climático desenvolvida por completo en inglés

Viernes, 19 de diciembre de 2025

O IES Plurilingüe (IESP) de Ames foi este xoves, 18 de decembro, o escenario da primeira Mock Conference: unha simulación dunha conferencia internacional. Nesta experiencia única participou todo o alumnado de 3º da ESO, do que se seleccionou a 16 grupos para que cada un representara a un país. Durante unha xornada intensa, os estudantes convertéronse en auténticos delegados diplomáticos e debateron co fin de buscar solución fronte á crise climática global, utilizando o inglés como ferramenta de traballo e comunicación.

A Mock Conference é una actividade enmarcada no programa pioneiro Global Classroom Galicia. De feito, trátase do primeiro ano de implantación deste programa na nosa comunidade, e o IES de Ames foi un dos oito seleccionados en toda Galicia para levar a cabo esta iniciativa, que se desenvolveu integramente en lingua inglesa.

Esta foi unha actividade interdisciplinar, coordinada polo departamento de Lingua Inglesa, coa colaboración esencial de Andrew Cramer (auxiliar de conversa Fulbright) e do profesorado da materia, así como do departamento de Bioloxía e Xeoloxía, para garantir unha preparación sostida dos contidos específicos sobre o cambio climático.

Ademais, esta experiencia innovadora aínda non rematou. A simulación deste xoves constituíu a fase de preparación e selección interna previa á seguinte conferencia intercentros que se celebrará en Santiago de Compostela. Nela, cinco delegacións (10 alumnos e alumnas) do IESP de Ames representarán ao instituto na próxima Conferencia Rexional de Global Classroom Galicia, na que se reunirán cos outros sete centros participantes do programa. E desta conferencia rexional sairá seleccionada a delegación que representará a Galicia na gran Conferencia Final que se celebrará en Nova York, cidade na que se encontra unha das sedes da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Unha primeira experiencia exitosa 
A preparación para esta conferencia remóntase a outubro, cun proceso de investigación sobre a posición do país asignado a cada grupo de alumnas e alumnos, a situación climática e posibles políticas, complementado cun adestramento específico en técnicas de debate e oratoria. Durante un mes, o alumnado traballou en parellas para preparar a defensa dos intereses e as propostas da nación que representaron.

A estrutura da conferencia seguiu o rigor dos foros internacionais, articulándose en tres fases claramente definidas: unha rolda inicial de discursos de apertura, onde cada delegación presentou a súa postura oficial; unhas sesións de debate intensas para contrastar ideas e refinar argumentos; e finalmente, unha etapa crucial de negociación dentro de dous grandes bloques de países.

Nestes grupos, os estudantes traballaron de forma colaborativa para redactar, presentar e votar as resolucións finais que reflectisen un consenso sobre como combater o cambio climático.

Polo tanto, esta Mock Conference non só supuxo un afondamento en contidos académicos relacionados coa sustentabilidade, a xeopolítica e a oratoria, senón que constituíu unha inmersión lingüística e práctica en valores como o diálogo, o respecto ás diferenzas, a cooperación internacional e a busca de solucións compartidas ante problemas globais.

O éxito desta primeira edición no IESP de Ames confirma o potencial do alumnado amesán, que demostrou a capacidade de esforzo, madurez e superación persoal. Dende o centro din estar moi agradecidos polo clima de traballo e dedicación que soubo crear o alumnado.

O IES Plurilingüe de Ames celebra con éxito a primeira Mock Conference que recrea unha conferenciada da ONU sobre cambio climático desenvolvida por completo en inglés

Multimedia

  • O IES Plurilingüe de Ames celebra con éxito a primeira Mock Conference que recrea unha conferenciada da ONU sobre cambio climático desenvolvida por completo en inglés