Solapas principales

O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”

Lunes, 11 de mayo de 2026

O IES do Milladoiro presentou na mañá de hoxe a segunda edición da Semana Intercultural, un proxecto que pon en valor a pluralidade como fonte de riqueza colectiva e promove a narrativa positiva e integradora a nivel educativo e comunitario. Do 11 ao 13 de maio, o centro educativo do Milladoiro converterase nun espazo de encontro, celebración e reflexión arredor da diversidade cultural e da convivencia.

O acto de presentación tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro e a el acudiron alumnos e alumnas do centro educativo, así como o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, así como distintos docentes do IES do Milladoiro. 

O alcalde de Ames, Blas García, quixo destacar o contexto de multiculturalidade que existe no concello, sinalando que “en Ames conviven persoas de ata setenta países de todo o mundo, sendo un municipio integrador e multicultural” e louvando iniciativas integradoras como esta Semana Intercultural. Unha pluralidade que “non supón ningún tipo de problema na convivencia diaria. Ames é un espazo tranquilo e aberto”. 

Programación da II Semana Intercultural
Durante os vindeiros tres días, do 11 ao 13 de maio, o IES do Milladoiro ofrece unha ampla programación cultural e educativa na que participan artistas e profesionais como De Vacas, Xavi Lozano ou o grupo Mekanika Rolling Band, xunto con entidades como a ONCE e ACOUGO. A implicación activa de familias, nais e pais, así como de diferentes persoas da comunidade educativa, xoga un papel fundamental na celebración destas xornadas. 

O programa inclúe actividades de teatro, música, artes visuais, danza, audiovisual, ciencia ou gastronomía, e entre elas destacan as danzas do mundo, exposicións artísticas e fotográficas realizadas polo propio alumnado, obradoiros creativos, experiencias científicas e faladoiros interculturais, favorecendo o diálogo e a reflexión compartida. 

Tamén se inclúen na programación obradoiros de serigrafía e modelado en barro, así como espazos de reflexión sobre a discapacidade vista desde dentro, e sobre as familias de acollida, ademais de actividades como roteiros e gymkanas orientadas ao fomento da cohesión e convivencia entre a comunidade educativa.

Nesta edición tamén se integra o II Campus de Regueifa “RegueiNovxs – Regueifesta”, reunindo no centro a regueifeiros e regueifeiras de diferentes puntos de Galicia, creando unha experiencia de formación, creación e convivencia arredor da nosa improvisación oral e da cultura galega contemporánea. 

II Gala Intercultural “Somos Diferentes, Somos Referentes”
Como peche destas xornadas, celebrarase a segunda gala intercultural “Somos Diferentes, Somos Referentes”, que está presentada polo alumnado de Artes Escénicas. Este evento incluirá intervencións artísticas, proxeccións audiovisuais e un faladoiro intercultural. Tamén durante a gala farase entrega de recoñecementos  a persoas referentes en diversidade, cultura e compromiso social. 

Os galardoados representan o agradecemento da nosa comunidade educativa a aquelas persoas que, co seu labor e traxectoria, contribúen á construción dunha sociedade máis inclusiva, igualitaria e respectuosa coa diversidade. Nesta gala participará, ademais, o alumnado do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, centro que está irmandado co IES do Milladoiro. 

Xantar solidario
Xunto coa gala, outro dos eixos centrais da programación é o xantar solidario e os petiscos interculturais que, de feito, poñerá o peche a esta gran semana intercultural o vindeiro mércores 13. A comida enténdese como un elemento cultural que permite compartir identidades, tradicións e formas de vida diversas. Así mesmo, o Anfiteatro do Milladoiro acollerá o concerto de Mekanika Rolling Band.

O xantar solidario será aberto á comunidade educativa do centro. Este evento solidario ten como obxectivo principal dar visibilidade e celebrar a diversidade cultural, promover a inclusión e a convivencia positiva, implicar a toda a comunidade educativa e fomentar a creatividade e a participación do alumnado.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "De Vacas celebra a diversidade cultural no IES do Milladoiro"

Diario de Santiago: "O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”"

O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”

Multimedia

  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”
  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”
  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”
  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”
  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”
  • O IES do Milladoiro presenta a II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”