O Grupo Municipal Socialista de Ames vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno ordinario de febreiro coa que se esixe á Xunta de Galicia unha actuación urxente e definitiva na cuberta do CEIP A Maía, un centro educativo público construído no ano 1991 que atende na actualidade a máis de 470 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria.
O Grupo Municipal Socialista de Ames manifesta a súa vontade de que esta iniciativa se converta nunha declaración institucional, coa finalidade de amosar a unidade política da Corporación municipal na defensa dos intereses da comunidade educativa do CEIP A Maía.
Dende o grupo de goberno advírtese de que o centro non foi obxecto de ningunha remodelación estrutural nin reforma integral dende a súa inauguración, hai máis de 35 anos, e que o esgotamento da vida útil da cuberta está a provocar numerosas filtracións de auga en diferentes espazos do colexio, tanto no edificio de Infantil como no de Primaria.
O alcalde, Blas García, alerta do preocupante estado do centro, trasladado pola ANPA e pola dirección en reiteradas ocasións: “A situación está a tornarse insostible e a meteoroloxía non fai máis que poñer en evidencia as carencias destas instalacións e a necesidade de actuar en profundidade neste colexio”.
Esta situación está a condicionar gravemente o normal desenvolvemento da actividade educativa, obrigando a adoptar medidas provisionais e actuacións de urxencia que non solucionan o problema de fondo. Ademais, o deterioro das instalacións supón un risco para a saúde e a seguridade tanto do alumnado como do persoal docente e non docente.
Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que, de acordo coa normativa vixente, a competencia en materia de construción, reforma e renovación estrutural dos centros educativos públicos corresponde á Xunta de Galicia.
“Ames é o único concello galego con saldo vexetativo positivo e cun crecemento poboacional sostido, o que fai imprescindible contar con infraestruturas educativas seguras e axeitadas ás necesidades actuais e futuras”, sinalan dende o grupo socialista, que tamén destacan o papel da educación pública como piar fundamental do modelo de desenvolvemento social do municipio.
A moción presentada insta á Xunta de Galicia a acometer de maneira inmediata as obras necesarias para a substitución integral da cuberta do centro, así como a elaborar e executar un plan de remodelación e renovación integral do CEIP A Maía. Ademais, recóllese o compromiso do Concello de Ames de continuar coas tarefas de mantemento dentro das súas competencias mentres non se leven a cabo as actuacións definitivas.





