Solapas principales

O Goberno municipal visita a planta de formación da empresa portuguesa ISQ especializada en enerxías renovables

Viernes, 18 de marzo de 2022

Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belen Paz, o técnico de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja, e mailo responsable da brigada municipal de Obras, Juan Calvo, desprazáronse ata a cidade portuguesa de Porto para visitar a planta de formación que ten a empresa ISQ en dito lugar. Trátase dunha empresa especializada en enerxías renovables, formación e actividades de innovación e I+D. O obxectivo de dita visita foi coñecer como xurdiu a conformación dun espazo adicado especificamente á formación adaptada ás necesidades do persoal da división de produción e instalación, a súa extensión a outras empresas e accións derivadas de formación regrada e o traballo que se realiza nela relacionado co aforro enerxético e enerxías renovables. O Concello de Ames está tratando de poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

Este pasado mércores, 16 de marzo, o alcalde e maila concelleira de Promoción Económica, acompañados do técnico de desenvolvemento local e do responsable da brigada municipal de Obras, visitaron a planta de formación que a empresa ISQ ten na cidade portuguesa de Porto. Esta visita enmárcase no traballo que está realizando o executivo local para tratar de poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

O Concello de Ames ten iniciado conversas e mantivo varias reunións coa Consellería de Emprego e Igualdade para colaborar na posible implantación dun centro de impulso e despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética no concello amesán. Unha proposta que se está avaliando é adecuar o centro de formación ocupacional que é propiedade da Xunta de Galicia, situado na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns. Ademais, proponse a rehabilitación enerxética deste centro, como proxecto piloto en materia de eficiencia enerxética. Na actualidade está en fase de estudo a viabilidade deste proxecto.

ISQ é unha entidade privada e independente, constituída en 1965, que ofrece servizos nas áreas de inspeccións técnicas e regulamentarias, formación e actividades de I+D e innovación. É un organismo de Control de Instalacións, acreditado por ENAC. Traballan para empresas e entidades de referencia de todo o mundo, como a ESA (Axencia Espacial Europea) e os grandes proxectos científicos do CERN (Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire), ITER (International Thermonuclear Experimental Reactor) e E-ELT (European Extremely Large Telescope).

Esta empresa participa en múltiples proxectos de innovación e I+D, e en redes de coñecemento e tecnoloxía, algunhas das cales a través de empresas do Grupo ISQ. Dispón dunha planta de formación en Porto na que forman a un gran número de traballadores pertencentes a diferentes empresas asociadas. Forman a ditos/as traballadores/as en diferentes proxectos de innovación e I+D, así como en sistemas de intelixencias artificial e aforro enerxético. Precisamente o eido das enerxías renovables é o campo no está interesado o Concello de Ames.

Centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables
Deste xeito, o obxectivo de dita visita foi coñecer como crearon a planta de formación de Porto e o traballo que se realiza nela relacionado co aforro enerxético e enerxías renovables, para tratar de poñer en marcha en Ames un centro específico para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importancia de apostar pola formación en enerxías renovables porque é un sector que está en auxe e ten unha gran saída laboral. Por iso estamos traballando para poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Sería importante para Ames contar con este espazo que estaría especializado en cursos de formación sobre enerxías renovables e eficiencia enerxética”. Ademais, agradeceu “á empresa ISQ a súa boa disposición para explicarlles como se creou e como funciona a planta de formación que teñen en Porto”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “a visita á empresa ISQ serviunos para coñecer como funciona unha entidade internacional que é unha referencia a nivel de formación, de innovación e de I+D. No Concello de Ames levamos varias edicións apostando por impartir formación en enerxías renovables, a través dos obradoiros de emprego que se organizan en colaboración coa Consellaría de Emprego. Agora queremos dar un paso máis creando un espazo para impulsar a formación sobre as enerxías renovables e a eficiencia enerxética”.

Obradoiro de emprego sobre enerxías renovables
Precisamente, o Concello de Ames está desenvolvendo na actualidade un obradoiro de emprego sobre enerxías renovables que está sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, cunha inversión de 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros.

A través do obradoiro dual de emprego Renova IV estase formando dende o pasado mes de outubro a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do Concello de Ames e cinco alumnos do Concello de Brión. Durante nove meses os participantes reciben formación na especialidade montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, que conta con 1.440 horas de duración.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Visitan Porto para crear un centro de energías renovables en Bertamiráns"

Imaxe da visita á planta de formación da empresa portuguesa ISQ

Multimedia

  • Imaxe da visita á planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe da visita á planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe da visita á planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe da visita á planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe das instalacións da planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe das instalacións da planta de formación da empresa portuguesa ISQ
  • Imaxe das instalacións da planta de formación da empresa portuguesa ISQ