Solapas principales

O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono

Viernes, 08 de abril de 2022

O pasado xoves 31 de marzo, varios representantes do Concello de Ames desprazáronse ata Biduído de Arriba, na parroquia de Biduído, para visitar as obras da primeira vivenda construída con piñeiro galego baixo o estándar de construción “passivhaus” (casa pasiva en alemán). Estes inmobles contan cunha alta capacidade de illamento, que permiten aforrar ata un 75 por cento do consumo enerxético en calefacción e refrixeración. Ademais, para esta edificación recorreuse a madeira certificada co selo de calidade Pino de Galicia, nunha aposta pola construción sustentable e a industria forestal galega.

A pasada semana, o Goberno municipal visitou Biduído de Arriba para coñecer máis de preto os avances no proxecto, que servirá para instalar en Ames a primeira vivenda construída co estándar “passivhaus” e con piñeiro galego co selo de calidade Pino de Galicia.

Deste xeito, estiveron presentes na obra o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o responsable de obras, Juan Calvo, e o técnico de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja, acompañados do persoal das obras e das dúas arquitectas da casa, Marta Trigás e Belén Bouza, de EDMCasas.

A nova vivenda, construída en Biduído de Arriba, é un proxecto da arquitecta Marta Trigás e da construtora EDMCasas, ambas con experiencia co estándar “passivhaus”, e que comezaron a súa actividade na rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación da Coruña, neste caso no coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros. Tal e como indica o proxecto da obra, a casa permitirá aforrar a emisión duns 2.242 quilos de dióxido de carbono ao ano, o que equivalería ás emisións dun coche ao consumir 954 litros de gasolina, segundo o IDAE.

Os representantes do Concello de Ames puideron comprobar os avances nas obras da vivenda, fabricada con materiais de proximidade e de baixo impacto ambiental, como a pedra, la de rocha para o illamento, vidro, ou a propia madeira de piñeiro. Neste senso, a construción da casa está inmersa nunha liña de axudas da Xunta de Galicia para incentivar o uso de madeira autóctona en novos inmobles. O obxectivo é ampliar o uso deste material, renovable, sustentable e básico para a economía circular e local.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Progresa la casa que evitará la contaminación equivalente a quemar mil litros de fuel al año"

Enfoques: "La primera ‘passivhaus’ de Galicia con pino autóctono se construye en Biduído"

O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono

Multimedia

  • O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono
  • O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono
  • O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono
  • O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono