Solapas principales

O Goberno municipal mantén unha nova xuntanza co conselleiro de Economía, Empresa e Innovación para falar dos novos fondos europeos e do novo marco financeiro plurianual 2021-2027

Viernes, 19 de febrero de 2021

Este pasado luns, 15 de febreiro, o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo técnico municipal de Emprego e coordinador da EDUSI Impulsa Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza por vídeo conferencia co vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. Nesta xuntanza falouse fundamentalmente dos novos fondos europeos, como o NextGenerationEU, e o novo marco financeiro plurianual que abarca o período 2021-2027.

A xuntanza comezou coa correspondente presentación e cun recordatorio de xuntanzas anteriores. Esta é a cuarta xuntanza que mantén o conselleiro co Goberno municipal de Ames dende 2016. Deste xeito, fíxose unha valoración positiva das últimas xuntanzas mantidas co conselleiro, cando levaba a área de emprego, e dos obradoiros de emprego e programas integrados de emprego, que se realizaron e se están desenvolvendo en Ames e Brión.

Neste encontro falouse fundamentalmente dos novos fondos europeos. Dende o Goberno municipal abordouse co conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, a posible participación dos Concellos nos novos fondos europeos, como o NextGenerationEU, e o novo marco financeiro plurianual que abarca o período 2021-2027.

A través destes fondos tratarase de reconstruír unha Europa máis ecolóxica, dixital e resiliente. Analizáronse tanto as posibles colaboracións a través de convenio ou no marco das liñas de axudas a implementar, tanto dende o Goberno central como dende as liñas que se desenvolvan dende a Xunta de Galicia, e que estarán no marco do Plan de recuperación e resiliencia.

Deste xeito, repasáronse e abordáronse ámbitos como o da mobilidade sostible, segura e conectada; a rexeneración urbana; e as inversións en infraestruturas verdes. Prestouse unha atención, máis polo miúdo, ao despregue masivo da xeración renovable dirixida ao desenvolvemento das renovables eléctricas e ao impulso da cadea de valor industrial, e á competitividade e ao despregamento entre a sociedade, quedando emprazados para compartir e avanzar nun posible proxecto relacionado coas comunidades enerxéticas locais.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, agradécelle ao Vicepresidente segundo da Xunta de Galicia a oportunidade de trasladarlle novos proxectos e maila receptividade amosada unha vez máis co Goberno municipal de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Miñones aborda con Francisco Conde los nuevos fondos europeos"

Reunión co conselleiro Francisco Conde