O Concello de Ames recibirá un importe de 1.314.490,03 euros procedentes da Deputación da Coruña dentro do Plan Único de Concello – POS Adicional de 2026. Esta contía destinarase a execución de sete obras. O importe de 668.073,68 euros estará destinado a sufragar tres obras, que xa foron aprobadas no pasado mes de febreiro dentro do POS complementario, mentres que as catro obras restantes suman un investimento de 646.416,35 euros. Trátase de catro obras novas que terán que ser aprobadas proximamente en pleno. Esta contía súmase aos 1.148.543,37 euros do POS principal destinado a sufragar seis obras, aos 400.000 euros para o financiamento de gasto corrente, e aos 182.181,57 euros do POS social. En total, o Concello de Ames percibe da Deputación, a través do POS+ 2026, a contía de 3.045.215,24 euros.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do POS Adicional para o exercicio 2026, que está dotado de 1.314.490,03 euros para executar sete obras no Milladoiro, Bertamiráns e diversos núcleos do rural. De dito importe, o 62,2% invístese no rural (816.979,54 euros); o 29,1% no Milladoiro (382.544,95 euros) e o 8,7% restante en Bertamiráns (114.965,54 euros).
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “o POS Adicional consta de dúas fases. A primeira fase recolle tres obras xa incluídas no POS complementario aprobado no pasado mes de febreiro. Na segunda parte de dito plan inclúense catro obras novas: un local social para a parroquia de Ortoño, o aglomerado da rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, a mellora da pavimentación das rúas do Francés, Xaquín Lorenzo e do Xeixo no Milladoiro, e a mellora do aglomerado das Buceleiras. Hai que destacar o investimento realizado pola Deputación nos Concellos da provincia da Coruña. A través deste plan adicional imos a recibir máis de 1,3 millóns de euros, que se suman aos máis de 1,8 millóns de euros aprobados no pleno extraordinario do pasado mes de febreiro. Estas contías sumadas ao importe do POS social suma un importe que supera os 3 millóns de euros”.
A continuación, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “a Deputación da Coruña publica a finais de ano o plan único de obras, para que os Concellos saibamos a contía que nos corresponde para elaborar os orzamentos e planificar as obras. Ao Concello de Ames, a través do plan único, correspóndenos unha contía de 2 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns de euros están destinados a obras e gasto corrente e 182.181 euros está destinado ao POS social. A maiores este ano a Deputación achéganos un plan adicional de 1.314.000 euros, por iso queremos poñer en valor a aposta que fai a Deputación polos Concellos da provincia da Coruña, sen discriminación de ningún tipo, todos iguais cos mesmos criterios, co cal como xa dixen os Concellos da provincia da Coruña sabemos a comezos de ano a cantidade económica que imos ter para facer obras e destinar a gasto corrente, se así o desexamos”.
Blas García tamén falou sobre as obras incluídas no POS Adicional. “Imos a incluír tres obras do POS complementario aprobado en febreiro, que son unha obra no Milladoiro e dúas obras no rural. A obra do Milladoiro é moi importante porque vai a urbanizar a contorna do novo CEIP, que se está construíndo no Milladoiro. Esta actuación está dentro do convenio asinado coa Xunta. Deste xeito, vaise investir máis de medio millón de euros en actuacións relacionadas co novo CEIP do Milladoiro. Ademais, inclúense catro obras novas que haberá que aprobalas en pleno. Estas obras son o local social de Ortoño, que é unha reclamación histórica dos veciños desta parroquia, e obras de aglomerado en tres rúas do Milladoiro, nunha rúa de Bertamiráns e no lugar das Buceleiras. Máis do 60% deste investimento está destinado ao rural, polo que seguimos apostando por poñer en valor os núcleos rurais de Ames”.
Investimento do POS Adicional de 2026
O Plan Único de Concello – POS Adicional de 2026 está dotado cun orzamento de 1.314.490,03 euros, divido nas obras xa incluídas no POS complementario aprobadas no pleno extraordinario do pasado mes de febreiro e as obras novas, que deberán ser aprobadas proximamente en pleno. No primeiro apartado inclúese o reforzo de infraestruturas do novo colexio do Milladoiro (289.847,95 euros), a mellora da seguridade viaria no tramo Costoia – A Moniña e outros (232.289,80 euros), e a mellora da seguridade viaria no tramo Trasmonte – Sorribas (145.935,93 euros), o que supón unha achega total de 668.073,68 euros.
Pola súa parte, no apartado de obras novas inclúese a dotación dun novo local social para a veciñanza de Ortoño (284.762,76 euros), o aglomerado da rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns (114.965,54 euros), os aglomerados nas rúas do Milladoiro: Xaquín Lorenzo, do Francés e do Xeixo (92.697 euros), e o aglomerado do lugar das Buceleiras, na parroquia de Bugallido (153.991,05 euros), sumando todo unha cantidade total de 646.416,35 euros.
Segundo explicou o alcalde “dende o Goberno levamos xa tempo executando un plan de recuperación dos campos de fútbol abandonados do concello. No campo de fútbol de Ortoño xa se realizou unha actuación para recuperar este espazo para a práctica da patinaxe e outras actividades deportivas e a realización de eventos. Queda por recuperar os antigos vestiarios e maila zona de grada, que se van a acondicionar en varias fases, para destinalos para a construción dun novo local social para a veciñanza de Ortoño”.
Ademais, destacou que “o proxecto das Buceleiras estaba pendente de executar á espera dun proceso de expropiación. Debido a iso divídese o proxecto en dúas partes, queda á espera de executar á fase que require do proceso de expropiación, e vaise realizar a segunda parte de aglomerado de varios viarios porque son unhas obras moi necesarias”. Por último, dixo que “o proxecto de aglomerado da rúa Alcalde Lorenzo é necesario debido ao estado do pavimento da ponte da Condomiña, que está gastado e é necesario acondicionar esta zona”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "'Reciclan' los vestuarios del campo de fútbol de Ortoño en local vecinal"
La Voz de Galicia: "Ames destina 290.000 euros a urbanizar la parcela del futuro CEIP de O Milladoiro"
amsGO!: "A deputación destina máis de 1,3 millóns de euros ao POS Adicional de Ames, co que se farán 7 obras"










