- Tematica
O Goberno municipal de Ames reunise por segunda vez coas asociacións de veciños afectados pola retirada do servizo de autobús urbano de Santiago a Ortoño. Na xuntanza, o alcalde expuxo os temas falados nas xuntanzas que se mantiveron nos últimos días coa Dirección Xeral de Mobilidade, da Xunta de Galicia, e co Concello de Santiago. Ademais, en dita xuntanza, realizada esta semana coas asociacións veciñais de Ortoño, Bugallido e Biduído, acordouse presentar unha moción para a reactivación da liña de transporte e que buscará o consenso de toda a Corporación municipal.
En dita xuntanza acordouse solicitarlle á Xunta de Galicia, como Administración competente do transporte público, a instauración dunha liña directa con Santiago que dea cobertura de transporte a toda a veciñanza afectada pola retirada do transporte urbano de Santiago que daba cobertura ata o pasado 23 de decembro. O Goberno municipal e mailas asociacións acordaron presentar unha moción para o vindeiro pleno onde se reclame por parte de toda a Corporación municipal este dereito básico para a veciñanza do rural amesá e da primeira coroa de influencia metropolitana de Santiago.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, informou á veciñanza dos temas falados na xuntanza mantida o pasado luns 11 de xaneiro coa Dirección Xeral de Mobilidade. Dende Mobilidade instaron a que o Concello de Ames faga un convenio co Concello de Santiago, para reactivar a liña municipal que viña facendo este servizo. Isto para o Concello de Ames supón unha total falta de asunción de responsabilidades por parte de quen ten a competencia delegada en materia de transporte.
O rexedor municipal explica que "non ten sentido que se nos obrigue a asumir o transporte de Ortoño, Bugallido e Biduído porque a Xunta non tivese contemplado dito contrato na nova licitación que acaba de aprobar e poñer en marcha. O Concello non vai a asumir máis competencias impropias e que supoñan preto de 80.000 euros ao ano”.
Desde o Concello de Ames infórmase que dita liña, no ano 2017, tivo un anteproxecto para ser licitada por parte da Xunta de Galicia. Tras as alegacións presentadas polo Concello de Santiago opoñéndose a dita licitación, a Xunta decidiu non proceder á aprobación da referida liña, (“aínda sen considerar procedentes as manifestacións formuladas polo Concello de Santiago”, tal e como se recolle textualmente na resolución de 2017). As alegacións realizadas polo Concello de Ames para a mellora da liña nunca foron contestadas e o servizo seguiuse prestando coa liña P2 de transporte urbano de Santiago de Compostela ata o pasado mes de decembro.
A veciñanza afectada e o Goberno municipal coinciden en afirmar que a situación mudou na actualidade coa non prestación do servizo por Santiago e por elo a Xunta debe dar a mesma cobertura de transporte metropolitano que presta noutros concellos, ou mesmo noutras parroquias do propio concello, e non tratar de forma desigual á veciñanza destas tres parroquias.
Liña de transporte cunha media diaria de 140 viaxeiros/as
A liña de Ortoño que se prestaba por parte do Concello de Santiago tiña unha media diaria de 140 viaxeiros, sendo das máis numerosas do rural amesá. Polos datos ofrecidos polo Concello de Santiago, dita liña conta cun sobrecuste para o ente municipal de 69.000 euros anuais só na parte de Ames, que se amplían ata os 80.000 euros si se teñen en conta as declaracións feitas polo alcalde de Santiago a pasada semana.
Desde a Xunta trasladáronlle ao Concello de Ames que descoñecían a intención do Concello de Santiago de eliminar dita liña, feito que se contrapón coa información que trasladou o propio Concello de Santiago na xuntanza mantida a semana pasada e na que afirma que en xullo de 2019 comunicóuselle á Xunta a intención do Concello de Santiago de eliminar esta liña no tramo correspondente ao concello de Ames, como finalmente aconteceu. “Polo tanto, a Xunta de Galicia coñecía en pleno proceso de alegacións que esta liña non daría servizo e que miles de veciños de Ames quedarían sen servizo”, afirman dende o Goberno municipal de Ames.
O Goberno municipal de Ames informou ás asociacións do custe que na actualidade ten o transporte metropolitano. A cantidade elévase ata os 140.000 euros anuais para todo o transporte metropolitano, tanto nos núcleos de Bertamiráns como do Milladoiro, así como para o resto do rural, con máis de 20 liñas de transporte. “A intención da Xunta de que Ames realice un convenio directamente co Concello de Santiago e asuma o custe estimado de 80.000 euros por só esta liña está fóra das competencias municipais e supón un atropelo para a veciñanza Amesá” afirman dende o Goberno municipal de Ames.
Presentarase unha moción no vindeiro pleno municipal
Trala xuntanza, asociacións e Goberno coincidiron en presentar unha moción para o vindeiro pleno municipal instando á Xunta de Galicia a asumir a súa competencia e restablecer de forma inmediata a cobertura de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído, cun servizo de transporte directo a Santiago, ben sexa cunha nova licitación, cun convenio co Concello de Santiago no que se recolla a extensión da liña P2 ou por modificación contractual do Plan de transporte metropolitano actual.
Dende o Concello de Ames afírmase “que non se trata de negociar unha cousa ou outra, senón en que se de cobertura de calidade cun transporte metropolitano a aquelas poboacións da primeira coroa metropolitana de Santiago. Na actualidade o que non ten sentido é que mais de 1.000 veciñas e veciños de Ames estean sen transporte metropolitano que contrariamente si dispoñen outras persoas situadas a máis de 25 km da capital”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames pedirá a la Xunta una línea de bus que cubra el servicio perdido en Ortoño"
El Correo Gallego: "Critican la censura para impedir que el pleno restituya el autobús a Ortoño"
El Correo Gallego: "Animan a que Ames no pierda tiempo y pacte con Santiago el autobús"
Lindeiros: "Polémica sobre a liña de bus de Ortoño, en Ames, sen unha solución para os veciños"
Compostela 24Horas: "Mentres se pasan a bola, Ortoño segue sen bus"