Solapas principales

O Goberno de Ames advirte de que as decisións en torno ao cobro da taxa do lixo no rural tomáranse sempre coa seguridade xurídica

Viernes, 29 de junio de 2012

[29-06-2012] O pleno celebrado onte no Concello de Ames acolleu o debate e votación da moción sobre a taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, presentada pola Plataforma do Lixo. Tras a votación da moción, que foi rexeitada cos votos do grupo popular, o alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo fincapé en que as decisións que tome o Goberno sobre este tema serán sempre cumprindo a lexislación e coa seguridade xurídica. O rexedor engadiu que todos os informes que se presenten deben contar co visto bo dos técnicos habilitados nacionais -Interventor, Tesoureira e Secretaria Xeral- , como acontece co único texto aportado ata o momento, que foi elaborado polos técnicos do Concello. Ademais, anunciou que se están solicitando informes a outras institucións, así como a máis de dez concellos que xa abordaron cuestións similares.

Neste momento, o Goberno amiense segue traballando de forma seria para buscar alternativas e analiza todas as opcións posibles. Santiago Amor asegurou, ademais, que se continuará co diálogo cos veciños, consciente de que se trata dun tema delicado e que causa preocupación. No pleno, o portavoz do grupo municipal popular, Ramón Argibay, recalcou que xa se lles trasladaron varias propostas aos veciños afectados, mesmo nas reunións que se levaron a cabo polas parroquias. A máis significativa e importante foi que se propón baixar as taxas de recollida do lixo no rural a partir de 2013, co fin de minorar o pago dos atrasos. Deste xeito, con esta decisión política poderíanse paliar as consecuencias dun proceso legal iniciado polo anterior Executivo amiense en 2010 e que por imperativo legal tivo que ser continuado.

Por todo isto, o alcalde de Ames lamentou na sesión plenaria que os grupos da oposición non fixesen ningunha proposta, ao igual que acontece coa plataforma de afectados, mentres que o Goberno amiense está buscando solucións e aberto a avaliar todas as propostas legais e factibles que se presenten.

Na sesión plenaria de onte, tamén se deu conta da situación dos catro concelleiros da Corporación que comunicaron a súa baixa do Bloque Nacionalista Galego. En aplicación da lexislación que rexe a organización das corporacións locais, o grupo do BNG queda sen representación e os catro edís pasan ao grupo dos non adscritos. Isto leva consigo a perda dos dereitos económicos vinculados aos grupos políticos municipais, retendo os dereitos que individualmente lles corresponde como membros da corporación, pero non os derivados con carácter exclusivo da súa pertenza a un grupo político.

Escolas infantís
O pleno de Ames tamén aprobou inicialmente a modificación da ordenanza que regula o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames. Na sesión, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, subliñou que esta modificación, que se leva a cabo por imperativo legal e para adaptar esta ordenanza á normativa autonómica, afectará só ás rendas máis altas e, seguindo a política levada a cabo por este Goberno, os prezos para as rendas máis baixas non se tocarán, senón que mesmo terán bonificacións. O concelleiro fixo fincapé no elevado déficit que supón para o Concello a xestión das escolas infantís, algo que non se verá en ningún caso compensado coa modificación dos prezos.

Moar recalcou que a modificación vén determinada por imperativo legal, algo que tamén recoñeceu a concelleira dos non adscritos Pilar Candocia, quen admitiu que o Goberno se ve obrigado a aplicar esta suba, necesaria para non perder as subvencións da Xunta de Galicia. Ademais, o concelleiro de Educación lembrou que esta modificación vén establecida pola ordenanza vixente, aprobada en 2009, e que fixa na súa disposición adicional que “se terá en consideración as modificacións tarifarias que a Xunta de Galicia poida aplicar á súa propia rede de escolas infantís”.

O obxectivo teórico inicial destes prezos é que o financiamento dos centros fora soportado a partes iguais pola Xunta, Concello e os usuarios. No caso de Ames, esta situación está moi lonxe de suceder, como consecuencia, principalmente, do maior custe que representan as escolas municipais respecto doutras de similares características.

Pola súa banda, o alcalde de Ames recalcou que o Goberno está levando a cabo unha importante xestión coa Xunta de Galicia, que se acaba de ver materializada nun convenio que se asinará coa Consellería de Educación para o financiamento dos comedores escolares e que está dotado con 60.000 euros. Amor lembrou que se trata dun punto de inflexión na xestión da rede de comedores escolares amiense, xa que por primeira vez se logrou, grazas á insistencia e perseveranza do Goberno de Ames, unha subvención para o financiamento do servizo.

Desatasco a un tema urbanístico
O pleno tamén deu luz verde por unanimidade de todos os grupos á aprobación definitiva do Plan Especial APR B3-02, Camiño Rueiro II do PXOM de Ames. O concelleiro de Urbanismo, Ramón Argibay, subliñou que “por fin de consegue sacar adiante este plan, enquistado e pendente desde o ano 2008” e que, resolverá e completará a conexión do viario existente entre “Camiño do Rueiro” e a “Rúa da Murada” e co futuro polígono B7-01 incluído na área de reparto do parque do Río Ameneiral, definindo a superficie de parcela privada necesaria para dar cabida á construción de bloques de vivenda, cedéndolle ao Concello o resto da superficie para implantar equipamentos comunitarios.

En total, este ámbito de solo urbano dispón dunha superficie de 15.952 metros cadrados, dos cales 13.000 son lucrativos e 1.347 destinaranse a equipamentos públicos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Goberno de Ames advirte de que as decisións en torno ao cobro da taxa do lixo no rural tomáranse sempre coa seguridade xurídica"