Solapas principales

O filme “Sirât” pecha o ciclo Abril de Cine 2026

Martes, 21 de abril de 2026

A programación cinematográfica Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten a finalidade de achegar o cinema de actualidade á veciñanza amesá, chegará á súa fin esta semana coa proxección da aclamada película “Sirât” o vindeiro xoves 23, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. 

Logo das boas acollidas das proxeccións de “Rondallas” e “Romería”, o ciclo cinematográfico Abril de Cine pon punto e final á súa programación do 2026 coa aclamada película do director galego Óliver Laxe “Sirât”, a cal foi nomeada aos premios Oscar como mellor filme internacional. Dita proxección será o vindeiro xoves 23 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. 

Sobre Sirât
A trama principal de “Sirât” sucede no Sahara Occidental, onde un home e o seu fillo chegan a unha rave perdida para buscar a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Reparten a súa foto unha e outra vez rodeados de música electrónica e un tipo de liberdade que descoñecen. Durante a súa busca, coñecen a un grupo de raveiros e deciden seguilos a unha última festa que se celebrará no deserto, onde esperan atopar á moza desaparecida. 

“Sirât” é unha das películas máis aclamadas do último ano. O filme do lugués Óliver Laxe acumulou un total de 34 nomeamentos nos principais certames cinematográficos, incluso internacionais, acadando finalmente 18 premios. Destaca, principalmente, o seu nomeamento aos Oscar 2026 como mellor película internacional e mellor son, malia non levar ningún dos dous recoñecementos.

Onde si destacou foi nos premios Goya 2026: dos 11 nomeamentos cos que contaba, a película fíxose con estatuíñas: dirección de produción, dirección de arte, fotografía, montaxe, música orixinal e son. Tamén foi a principal protagonista nos premios Gaudí 2026, onde obtivo os premios á mellor película en lingua non catalá, mellor dirección, mellor fotografía, mellor música orixinal, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor son e mellores efectos visuais. 

Non obstante, “Sirât” comezou no 2025 o seu éxito internacional no nun certame de alto prestixio como o é o Festival de Cannes. Ali, o filme obtivo o premio do xurado, o Cannes Soundtrack Award pola súa banda sonora e o Palm Dog (Gran Premio do Xurado) para as cadelas do filme Pipa e Lupita.

O filme “Sirât” pecha o ciclo Abril de Cine 2026

Multimedia

  • O filme “Sirât” pecha o ciclo Abril de Cine 2026