Solapas principales

O filme San Simón abre a nova edición do Cine de Outono este xoves 5 na Casa da Cultura do Milladoiro

Lunes, 02 de noviembre de 2026

Este xoves, 5 de novembro, comeza unha nova edición do programa “Cine de outono”, coa proxección do filme “San Simón” na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas. Trátase dun filme ambientado na Galicia do s.XIX, concretamente no vivido na Illa de San Simón baixo o réxime franquista. Ao longo deste mes, tamén se poderán ver os filmes As Liñas Descontinuas e o documental Ao son da nova regueifa. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

A primeira tarde de cine de outono está a piques de chegar a Ames, que será a do vindeiro xoves 5, coa proxección do filme San Simón. Esta é unha produción de 2025 feita en galego, e que se enmarca dentro do xénero do drama. Está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 108 minutos. A dirección deste filme corre a cargo de Miguel Ángel Delgado e o reparto está composto por Alexandro Bouzó, Flako Estévez, Ana Fontenla, Manuel Landeiro, Guillermo Queiro, Darío Fernández Raposo, Lucía Amarillee Torrado e Xaime Vilasoa. Ademais, o director do filme, Miguel Ángel Delgado, participará na presentación do filme así como no posterior coloquio.

A historia sitúase en outubro de 1936, cando o réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos pechados. A illa de San Simón destacaba pola súa insularidade, e o réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión, rodeados dunha beleza abafadora. A historia continua sete anos despois, cando Lamas, un dos presos da illa, recorda a historia de homes e mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.

A programación do Cine de Outono continúa con dous filmes máis ao longo deste mes de novembro, no que tamén se poderán ver ver As Liñas Descontinuas, o seguinte xoves 12 de novembro; e Ao son da nova regueifa, un documental que se poderá ver o venres 20 de novembro. Todas as proxeccións serán ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

Segunda sesión: As liñas descontinuas
A segunda sesión do ciclo será o xoves, 12 de novembro, e poderase asistir a ver As liñas descontinuas. Trátase doutro drama en galego producido en 2025. Esta longametraxe está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 90 minutos. Está dirixida por Anxos Fazáns e o reparto está composto por Mara Sánchez, Adam Prieto, Alberto Rolán, Ana Fórneas, Lidia Veiga e Mónica García.

O filme conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está a separar do seu home. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atopa todo esnaquizado e a un dos ladróns durmido na súa cama. Denís é un rapaz transxénero de 28 anos que, aínda que estudou unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Logo de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

Terceira sesión: Ao son da nova regueifa
A terceira e última sesión do ciclo está prevista para o xoves 20 de novembro. Nesta xornada proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. Cunha duración de 60 minutos, este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral en Galicia.

Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversidade que caracteriza a regueifa hoxe en día.

Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía… A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trázase un retrato poliédrico da regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "San Simón" abre este xoves a nova edición do Cine de Outono no Milladoiro"

Diario de Santiago: "O filme San Simón abre a nova edición do Cine de Outono este xoves 5 na Casa da Cultura do Milladoiro"

O filme San Simón abre a nova edición do Cine de Outono este xoves 5 na Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • O filme San Simón abre a nova edición do Cine de Outono este xoves 5 na Casa da Cultura do Milladoiro