- Tematica
O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña e ten como obxectivo fomentar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. O espectáculo celebrarase o vindeiro venres, 31 de xullo, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Tamén haberá persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargada dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. De novo, nesta edición ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.
Esta mañá, O Milladoiro acolleu a presentación da XV edición do festival Millarock, que se vai celebrar o vindeiro venres, 31 de xullo. Este é un certame no que se busca achegar a música rock galega aos rapaces e rapazas máis novas, sempre a través de grupos emerxentes, tanto de Ames como da contorna. Ademais, como en edicións anteriores, continuase coa aposta de facer un Millarock máis inclusivo.
Deste xeito, haberá mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva, dándolle continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Ademais, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.
No acto de presentación estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; Adrián Hernández, da Casa do Rock; Carlos Nieto, Martiño Ramos e Thiago Abal, de Tentáculo Rock; Héctor Rodríguez e Luís Durán, de Extrema Función; Guillermo Vistoso e Manuel Gómez, de Sr Salvaje; Manuel Tarrío, de Familia Caamagno; e Josioto Porto, de Factoría de Subsistencia.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, sinalou que “é bo que apoiemos este tipo de festivais máis pequenos e humildes e, sobre todo, o máis importante, que teñan presenza os grupos locais ou da contorna”, xa que a vontade do rexedor é “que a xente de Ames teña presenza neste e noutros festivais que facemos”. García apuntou tamén que o Millarock “leva facéndose moitos anos e está tremendamente consolidado, sempre coa mesma esencia: grupos locais e artistas novos que teñan espazo para tocar. Non queremos entrar na imitación doutros festivais”. Finalizou a súa intervención recordando que o Millarock “serve como pistoletazo de saída tanto para as festas do Milladoiro como as de Bertamiráns”.
A técnica de Cultura, María Vázquez, destacou que “o Millarock sempre mantén a súa esencia con grupos locais e con rock en galego. Este ano dámoslle continuidade a esa iniciativa de facer un festival de rock para todos os públicos e inclusivo. Imos ater unha plataforma elevada con rampla para persoas con mobilidade reducida e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Trátase dun festival modesto onde haxa diversidade de grupos e sobre todo no se lle dea cabido aos grupos emerxentes que van compartir escenario con outras bandas locais e grupos consagrados”.
En canto aos grupos, Manuel Tarrío, de Familia Caamagno, mostrouse feliz por esta “segunda vez que imos a participar neste festival e gardo moi bo recordo da primeira vez que estivemos aquí”. Dende o grupo están presentando novo disco, “un proxecto que nos está traendo moitas alegrías e está sendo moi ben acollido. Levamos tocando cerca de 15 anos e este traballo novo é un paso máis na evolución do grupo. Neste disco atrevémonos con máis sons máis modernos, hai cancións máis intimistas, e hai composicións que nunca nos atrevemos. É un disco máis valentes que os anteriores”.
Os membros de Tentáculo Rock amosáronse moi ilusionados de actuar no Millarock, un festival ao que asistiron como espectadores e agora “esta actuación para nós é un reto que afrontamos con moita ilusión. A vindeira semana en Bugallido imos a tocar un tema novo, peor para o Millarock imos a presentar varios temas novos”.
Por parte de Sr Salvaje, Guillermo Vistoso, recoñeceu que lles apetece moito “vir a tocar ao Millarock porque é un festival referente ao que tamén asistimos en moitas ocasións de públicos e aquí vimos auténtico concertazos. Nós agora estamos rematando de gravar o noso novo disco cco que imos a xirar este ano e ao Millarock imos atraer algúns temas novos, que non tocamos ata o de agora, que son un pouco máis cañeiros dos que viñamos facendo, polo que imos dar un pouco máis de tralla.”. Un Guillermo Vistoso que adiantou: “Imos a traer temas máis enerxéticos, subimos a intensidade co este novo disco.”
Tamén falou Adrián Hernández, da Casa do Rock, quen se mostrou moi feliz ao ser o “terceiro ano que estamos no Millarock e desta volta chegamos con varias sorpresas. Imos facer a merenda rock para que os rapaces e rapazas que asistan teñan un primeiro contacto coa música a través de xogos e de instrumentos de percusión, guitarras, etc. O noso traballo é ensinar música co cal o importante é que proben instrumentos e que abran o oído para coñecer outros xéneros musicais”.
No caso de Josito Porto, de Factoría de Subsistencia, a intervención serviu para eloxiar a dinámica do festival: “O rock non está morto. É moi positivo que non sexan todo macrofestivais”. Porto destacou que “está moi ben pelexar por nós, pola xente de aquí, polo rock da nosa terra. O Concello de Ames aposta moito pola cultura e é un xesto que hai que ter en conta”.
Finalizou coa rolda de declaracións Luís Durán, de Extrema Función, quen confesou que “somos un grupo de afeccionados que saíu da escola de música. Somos xente maior, de aí o noso nome”. Durán destacou que “estamos abraiados de poder tocar ao lado da xente que está aquí hoxe, somos o combo de adultos da Escola Municipal de Música”.
Programación do Millarock 2026
Este ano, o cartel sorprenderá na súa variedade, e tamén na súa capacidade de valorizar o rock como o estilo musical por excelencia, creando un punto de encontro de distintas xeracións a través da música. Rock galego, con grupos locais e da contorna, mesturando as bandas emerxentes coas formacións consolidadas e de longa traxectoria.
Ás 19.00 horas, no Anfiteatro do Milladoiro, A Casa do Rock achegará un obradoiro musical para os máis pequenos e pequenas a través do Merenda Rock, co obxectivo de gañar máis adeptos á música entre as crianzas. Logo, a propia Casa do Rock subirá ao escenario para ofrecer o seu xa clásico concerto didáctico.
Como guinda, Tentáculo Rock pechará os concertos do Anfiteatro do Milladoiro. Este grupo formado no ano 2017 por catro amigos na Escola unitaria da Igrexa de Ortoño. Agora, sendo xa estudantes de Agro do Muíño veñen de gañar o certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar”, co seu tema “Vou a 120”.
Xa pola noite, ás 21.30 horas, a acción cruza a zona verde e trasládase ao asfalto da Travesía do Porto. Neste emprazamento haberá un total catro actuacións, compoñendo un dos carteis máis auténticos o festival: Extrema Función, Familia Caamagno, Sr Salvaje e Factoría de Subsistencia serán os encargados de poñer o rock na franxa nocturna.
Extrema función é un grupo formado por Pepo Suevos, Héctor Rodríguez, Luís Durán, Iris Durán, Paco Fanego, Pachi Corostola, Rafa e Maira, e defínense como un un grupo de amigos que se xuntan cada semana con gañas de compartir boa música, bo ambiente e moitas gañas de divertirse enriba do escenario do Millarock.
No caso de Familia Caamagno, a banda é ben coñecida no panorama musical galego. Veñen de publicar o su terceiro LP “Disco Comarcal”, para o que farán unha xira durante todo este ano. O grupo está composto por Toni Caamagno, Lano Caamagno, Francesco Caamagno, Jess Caamagno e Manuele Caamagno.
En canto a Sr Salvaje, aínda que emerxentes, xa coñecidos no panorama galego polo seu directo tremendamente explosivo contan cunha fórmula que parece sinxela: base clásica de rock de alta gradación xunto cunha afiada voz e unha agresiva guitarra, así completan o atractivo pack que enganchará aos mais fieis do Rock patrio. A banda fórmana Guillermo Vistoso, Antón Torroncho, Emilio Iniesta e Manuel Gómez.
Factoría de Subsistencia está integrada por artistas que sempre estiveron relacionados coas músicas deste país ata que, por fin, cruzaron os seus camiños para poñer en marcha este proxecto común. Os aromas de Korosi Dansas, Magritte, Xestreu, Carapaus, Emilio Rúa, e outros dos moitos proxectos nos que participaron, flúen ao longo da súa discografía, que navega descaradamente polas augas do rock alternativo. O grupo fórmano Sabela Dacal, Josito Porto, Rafa Otero e Adrián Ríos.
















