- Tematica
Durante toda a mañá de hoxe, o espazo colaborativo A Proa, localizado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu unha xornada de portas abertas co gallo da Startup Europe Week, que se está a celebrar do 25 ao 29 de maio. As persoas asistentes puideron ver como é traballar en Espazo A Proa e coñecer a comunidade emprendedora do emprazamento. Durante a xornada tamén se impartiu a charla formativa “Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan”, nun encontro no que estiveron presentes os técnicos municipais xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.
Con motivo da Startup Europe Week, que se está a celebrar dende o día 25 e que se prolongará ata o vindeiro 29 de maio, o espazo colaborativo A Proa acolleu está mañá, en horario de 9.00 a 14.00 horas unha xornada de portas abertas co obxectivo de mostrar como é traballar neste emprazamento e poder coñecer de primeira man a comunidade emprendedora que constrúe este centro de coworking.
Durante esta xornada tamén se impartiu a charla formativa “Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan”, un encontro próximo e participativo que levou aos asistentes a reflexionar sobre os erros máis habituais no emprendemento e transformalos en aprendizaxes útiles para construír proxectos máis sólidos e sostibles.
O relatorio estivo conducido por Rosa Corral, asesora de emprendemento da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con máis de 25 anos de experiencia en formación, emprego e emprendemento. Ademais, é empresaria e impulsora do proxecto agroalimentario La Colmena de Sofía.
Nesta xornada, tamén estivo presente o director territorial da Consellería Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, quen pechou a xornada.
A Startup Europe Week
A Startup Europe Week é unha iniciativa impulsada por Startup Europe e o Comité das Rexións da Unión Europea, e está centrada en axudar ao emprendedores a conectar cos seus ecosistemas locais e darlles a coñecer os recursos públicos e privados dispoñibles sen necesidade de marchar ás grandes cidades nin capitais.
Neste proxecto participan máis de 350 cidades repartidas en 50 países, sumando así 250 coorganizadores locais e este ano está enfocado nas conversas reais sobre financiamento, acceso a capital, intelixencia artificial, deep tech e crecemento sustentable. A Startup Europe Week é o maior movemento de emprendemento rexional do mundo e este ano celebra a súa décima edición.











