Solapas principales

O equipo “Xente que fala” do IES do Milladoiro gaña a décima edición do Club de Debate

Lunes, 09 de mayo de 2022

O pasado venres 6 de maio, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a final do X Club de Debate, para a que se clasificaran seis equipos de varios centros de educación secundaria dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira e Pontevedra. A rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO debateu sobre o tema “Os espazos educativos favorecen o uso do galego?”, defendendo e argumentando ambas as posturas, a favor e en contra, para tratar de conseguir a máxima valoración do xurado. O concello de Ames chegou á final representado por dous equipos do IES de Milladoiro, “Xente que fala” e “1,2,3 Milladoiro”. O primeiro deles, “Xente que fala”, foi o gañador desta décima edición, con 452,5 puntos.

O alumnado e o equipo docente do IES do Milladoiro están de parabéns tras a celebración da fase final do X Club de Debate, na que dous dos seis grupos finalistas estiveron formados por alumnado deste centro. Finalmente, o equipo amesán “Xente que fala” proclamouse gañador na final da décima edición do certame, celebrada este pasado venres 6 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

"Xente que fala" do IES do Milladoiro está formado por Mario Campos Alonso, Sofía Paola Chang Gómez, Javier Conde López, Breogán Fajundes Cerviño, Iria Ferreiro Castro, Andrea García Gallego, Diego Madarnás Iglesias e Marta Méndez Cachafeiro, todos eles alumnos e alumnas de 3º da ESO. A docente que dirixiu e colaborou na preparación dos debates foi Valentina Formoso, coordinadora do equipo de Normalización da Lingua do IES do Milladoiro.

Ao longo da xornada, na que se celebraron seis debates, cada un dos seis equipos finalistas, procedentes dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira e Pontevedra debeu argumentar a favor e en contra do tema escollido para a final, “Os espazos educativos favorecen o uso do galego?”. Para formular as puntuacións, o xurado valorou elementos como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo ou a calidade lingüística.

Nesta final formaron parte do xurado cinco persoas: Rocío Loureiro, filóloga especializada en normalización lingüística; Luz Zas, profesora da USC; Anxos Sobriño, técnica superior lingüista da Audiencia provincial de Pontevedra e presidenta da Coordinadora de traballadores e traballadoras da normalización da lingua; Anabel Chouza, psicóloga, e Raquel Márquez, xornalista.

Ao equipo “Xente que fala” acompañouno no podio como segundo clasificado o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, con 430,5 puntos. En terceira posición quedou o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, con 425,5 puntos, e en cuarta posición remataron os “Peripatéticos”, do IES Xulián Magariños de Negreira, con 385,5 puntos. O outro representante amesán na final, o “1,2,3 Milladoiro”, quedou quinto con 382, seguido polo IES Punta Candieira de Cedeira, con 352,5 puntos.

Club de Debate

O Club de Debate, xa na súa décima edición, é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que colaboran e participan varios concellos galegos en colaboración cos seus centros de ensino secundario. O obxectivo é favorecer o uso do galego oral en contextos formais, a través dos propios debates, e no ámbito informal, na convivencia entre os diferentes grupos que participan. De igual maneira, abórdanse cuestións como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e do traballo en equipo.

Sete concellos participaron na organización do Club de Debate neste ano 2022: Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. En total, participaron once equipos mixtos, formados por rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO, de oito centros de ensino distintos. Ames foi o concello cun maior número de conxuntos participantes, cun total de cinco equipos (tres do IES do Milladoiro e outros dous do IES de Ames).

O equipo "Xente que fala" na final de Pontevedra

Multimedia

  • O equipo "Xente que fala" na final de Pontevedra
  • Foto de grupo na final de Pontevedra
  • O equipo "1,2,3 Milladoiro" na final de Pontevedra
  • O equipo "Xente que fala" na fase clasificatoria de Negreira
  • O equipo "1,2,3 Milladoiro" na fase clasificatoria de Negreira