- Tematica
Este domingo, 11 de outubro, arranca o programa de Baile para Maiores, unha iniciativa organizada polo departamento de Benestar Social do Concello de Ames. As sesións desenvolveranse o segundo domingo de cada mes, de 18.30 a 21.30h, na Casa da Cultura de Bertamiráns; e o último domingo de cada mes no Local de JUPEMI, no Milladoiro, de 17.00 a 20.00 horas. A música e a posibilidade de pasar unha tarde entretida son os principais reclamos desta actividade na que ademais os participantes coñecen a outras persoas nun ambiente festivo e distendido.
Coa chegada do mes de outubro comeza o programa de Baile para Maiores 2026 – 2027. Este domingo, 11 de outubro, será o Dúo Principal o encargado da primeira sesión na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa que dá comezo á ampla programación desta actividade, que se vai desenvolver ata finais do vindeiro mes de xaneiro, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.
As sesións de baile celebraranse o segundo domingo de cada mes na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 18.30 a 21.30 horas; mentres que no Milladoiro serán o último domingo de cada mes no local de JUPEMI, de 17.00 a 20.00 horas. Neste programa participarán o Dúo Principal, Dúo Arco Iris, Luís Rey e Dúo Matices, que actuarán en Bertamiráns e no Milladoiro.
As sesións de baile en Bertamiráns serán os días 11 de outubro, 8 de novembro, 13 de decembro e 10 de xaneiro. No Milladoiro celebraranse os días 25 de outubro, 29 de novembro, 27 de decembro e 31 de xaneiro.
A música en directo e a posibilidade de pasar unha tarde entretida son os principais reclamos desta actividade adicada á poboación da terceira idade de Ames, onde poden aproveitar para socializar e pasar un bo momento en común coa veciñanza. Nesta liña, a actividade organízase co obxectivo de que sexa un espazo de encontro e de lecer no que os veciños e veciñas maiores, e os non tan maiores, ademais de bailar, se relacionen cos amigos e coñecidos e establezan amizades novas.
Hai que salientar que os participantes nos bailes son os principais protagonistas desta actividade e deben traer da casa moita enerxía e gañas de pasalo ben para que esta sesión de baile se converta nun éxito persoal e colectivo.






