Solapas principales

O Distrito 13 17 arranca o novo curso coa actividade “Misiles: Alerta Democrática”

Lunes, 07 de septiembre de 2026

Logo das vacacións de verán, o proxecto xuvenil Distrito 13 17 organiza este mes de setembro a actividade “Misiles: Alerta Democrática”, un gran xogo grupal cheo de retos, estratexia, imaxinación e decisións inesperadas. Esta dinámica desenvolverase o vindeiro sábado día 12, de 19.00 a 21.00 horas, no anexo do pavillón municipal do Milladoiro. Ademais, este mes levarase a cabo a xornada de convivencia, adiada no mes de xuño. 

Coa volta do novo curso, o Distrito 13 17 volve á acción coa actividade “Misiles: Alerta Democrática”. Esta será unha dinámica de equipo na que cada un dos grupos creará o seu propio territorio ficticio, escollendo o seu nome, a súa identidade e os valores sobre os que os que quere construír a sociedade. A través de diferentes probas e desafíos, os grupos irán conquistando dereitos fundamentais, como o voto, a educación ou a liberdade de expresión. 

Mais conseguir estes dereitos non será suficiente, pois ao longo da aventura irán aparecendo ameazas como a censura, a discriminación ou a desinformación, poñendo en risco todo o conseguido. Para poder combater estes escollos, as persoas participantes deberán deseñar estratexias, tomar decisións, negociar, establecer alianzas e traballar en equipo. 

Este xogo combina diversión e aprendizaxe nunha experiencia diferente, pensada para achegarse ao significado dos dereitos e da democracia dunha maneira dinámica. Durante toda a sesión traballaranse tamén a creatividade, o pensamento crítico, a cooperación, a participación e a resolución de conflitos. Cada decisión poderá cambiar o rumbo da partida. 

Para participar será necesario inscribirse previamente cubrindo o formulario ao que se poderá acceder a través desta ligazón ou do código QR incluído no cartel da actividade. 

Xornada de convivencia no Grove
Ademais, no mes de setembro tamén se levará a cabo a xornada de convivencia programada para o mes de xuño pero que finalmente tivo que ser adiada. Desta volta, celebrarase do venres 18 ao sábado 19 no Grove. As persoas que xa estaban inscritas en xuño teñen preferencia de praza nesta nova convocatoria. Para inscribirse é necesario cubrir o mesmo formulario que para as actividades trimestrais.

O Distrito 13 17 arranca o novo curso coa actividade “Misiles: Alerta Democrática”

Multimedia

  • O Distrito 13 17 arranca o novo curso coa actividade “Misiles: Alerta Democrática”
  • O Distrito 13 17 arranca o novo curso coa actividade “Misiles: Alerta Democrática”