Solapas principales

O Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto deu onte unha charla-coloquio sobre as Sociedades de Fomento Forestal no Pazo da Peregrina

Sábado, 22 de octubre de 2011

[22-10-2011] O Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto deu onte unha charla-coloquio en Bertamiráns sobre as SOFOR. Fernández-Couto presentou para máis de medio cento de persoas que asistiron á charla unha información detallada sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) creadas co fin de solventar os problemas derivados da grande fragmentación do monte galego que imposibilitan a súa explotación sostible. Fernández-Couto detallou tamén información sobre o borrador do anteproxecto da Lei de montes de Galicia promovida pola Consellería do Medio Rural. A Xunta de Galicia traballa neste borrador coa finalidade de fomentar a xestión forestal a partir dun aproveitamento sostible baseado nas particularidades e necesidades do monte galego.

O borrador da lei ten como obxectivo regular a ordenación, planificación, defensa e aproveitamento do monte galego, como motor económico e xerador de emprego ao mesmo tempo que ordena os aproveitamentos forestais, valorizando a diversificación das actividades e usos que permite o monte (madeira, caza, biomasa, pastoreo, froitos, cogomelos, uso social, etc.).

Dende o Concello de Ames promóvese esta iniciativa co dobre obxectivo de dar a coñecer as SOFOR e o borrador da lei co fin de mellorar a ordenación e xestión do noso monte, obter rendibilidade, sustentabilidade e reducir o abandono e o risco de incendios forestais. A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade amiense, Eugenia Martín Vicente, considera que "é moi importante traballar para coidar o nosos montes, e un dos piares fundamentais para iso é informar", por iso considerou moi interesante a intervención do Director Xeral de Montes, a quen lle agradeceu a súa presencia onte no Pazo da Peregrina.