Solapas principales

O Día da Tecnoloxía celebrarase en Ames cunha xornada de obradoiros, conferencias e espazo aberto

Sábado, 29 de agosto de 2026

O Concello de Ames, a través da aula AMTIC, organiza a xornada Día da Tecnoloxía do vindeiro 7 de setembro na que se sucederán obradoiros, conferencias e un espazo aberto para todos os públicos na Casa da Cultura do Milladoiro en horario de 9.00 a 19.00 horas. Pola tarde, celebrarase unha carreira virtual de coches. Trátase dunha xornada de divulgación tecnolóxica, aprendizaxe e diversión. Para participar nos obradoiros será preciso inscribirse na dirección de correo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com.

Co gallo de divulgar en materia tecnolóxica, o Concello de Ames e a aula AMTIC celebran o vindeiro 7 de setembro o Día da Tecnoloxía na Casa da Cultura do Milladoiro. Este será un evento para todos os públicos no que que desenvolverán diversos obradoiros prácticos arredor de conceptos tecnolóxicos, conferencias e un espazo aberto, que funcionará como unha zona de participación libre baseada en xogos, retos e demostracións. 

A participación nesta xornada é totalmente gratuíta. Non obstante, para participar nos obradoiros será preciso inscribirse na dirección de correo electrónico da aula AMTIC informatica.milladoiro@gmail.com, indicando a actividade, o nome e apelidos da persoa participante e un teléfono do contacto. O resto de espazos son de libre acceso. 

Catro obradoiros para cativos e adultos
A xornada comezará ás 9.00 horas co obradoiro “Programación con Scratch”, orientado a rapaces e rapazas entre os 7 e os 11 anos de idade e no que se ensinará a crear historias, animacións e pequenos videoxogos. Unha vez finalizado, ás 10.45 comezará “Taller con micro:bits”, unha introdución á programación e á electrónica mediante placas BBC micro:bit para rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos. A sesión matinal de obradoiros pecharase ás 12.00 horas con “Creación de videoxogos I”, para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. 

Xa pola tarde, ás 16.00 horas comezará “Crea a túa web con WordPress”, orientado a persoas de máis de 14 anos e no que se introducirá ao coñecemento básico desta plataforma. Deseguido, os cativos e cativas de entre 5 e 10 anos poderán gozar de “Deseño con Canva”, aprendendo a crear materiais audiovisuais. Os obradoiros finalizarán ás 18.0 horas con “IA práctica para xente normal”. Este taller, orientado para maiores de 14 anos, abre as portas á utilización da intelixencia artificial no eido da creación de textos, procura de ideas, organización ou aprendizaxe. 

Conferencias para todos os públicos
Simultaneamente aos obradoiros, a Casa da Cultura do Milladoiro tamén acollerá diversas conferencias en materia tecnolóxica. A primeira delas será “O panorama actual da ciberseguridade”, ás 11.00 horas, dirixida a un público infantil e adolescente. Durante 45 minutos, as persoas asistentes coñecerán os principais riscos asociados ao uso de internet, redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles. 

Posteriormente, e pechando a sesión matinal, comezará, ás 12.15 horas, “Benestar diante da pantalla”. Nesta charla, tanto crianzas como adolescentes reflexionarán sobre a súa relación cos móbiles, videoxogos, redes sociais e outros dispositivos. Trataranse aspectos como o tempo de uso, as interrupcións constantes, o descanso, as redes sociais ou a importancia de atopar un equilibrio entre a vida dixital e outras actividades. 

Xa pola tarde, ás 16.00 horas repetirase o mesmo relatorio, mais orientado a público adulto. Do mesmo xeito que coa cativada, abordaranse cuestións clave sobre a vida en liña, analizando cuestións como a hiperconectividade, as notificacións, a dificultade para desconectar ou o uso das pantallas no eido familiar. 

Para rematar coas conferencias, ás 17.15 horas comezara “O panorama actual da ciberseguridade”. Esta, será unha charla divulgativa orientada aos adultos sobe as principais ameazas ás de ciberseguridade ás que se enfrontan actualmente os usuarios, como os fraudes por correo electrónico, SMS ou mensaxería; roubo de contas; suplantación de identidade...

Espazo aberto
O espazo aberto será unha zona dinámica e participativa con actividades curtas, xogos, retos e demostracións. As propostas están pensadas para realizarse cun ordenador e proxector ou cos propios teléfonos móbiles das persoas participantes, permitindo incorporarse ás actividades de maneira aberta e flexible. 

Deste xeito, pola mañá iranse sucedendo, en orde cronolóxica e unha duración aproximada dunha hora, as seguintes actividades: Punto de atención a tramitacións en liña, IA e produtividade: pero con cabeza, Kahoot sobre cultura dixital entre diferentes xeracións, Accesibilidade e tecnoloxía e Retos antes de Google: resolver problemas con e sen pantallas. 

Xa pola tarde, a acción deste espazo aberto irá dirixida á carreira de coches. Esta será unha actividade en dúas partes. A primeira dará comezo ás 16.00 horas, cunha clasificación inicial, na que as persoas participantes realizarán unha proba de condución nun videoxogo de carreiras. Cada participante intentará conseguir o mellor tempo nun mesmo circuíto, creando
unha clasificación.

Os mellores tempos conseguirán o pase á segunda fase, que é a gran final. Ás 18.00 horas, os participantes que conseguiron clasificarse mediranse nunha competición baseada en fases eliminatorias previas, semifinais e unha gran carreira final. O gañador ou gañadora recibirá un premio. Toda a estrutura descrita estará supeditada ao número de participantes.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Inteligencia artificial y ciberseguridad en el Día da Tecnoloxía para cualquier edad en Ames"

Diario de Santiago: "O Día da Tecnoloxía celebrarase en Ames cunha xornada de obradoiros, conferencias e espazo aberto"

O Día da Tecnoloxía celebrarase en Ames cunha xornada de obradoiros, conferencias e espazo aberto

Multimedia

  • O Día da Tecnoloxía celebrarase en Ames cunha xornada de obradoiros, conferencias e espazo aberto