Solapas principales

O departamento de Xuventude organiza un curso de A1.1 en lingua de signos para os derradeiros meses do ano

Domingo, 21 de septiembre de 2025

A Concellaría de Mocidade volve a apostar pola formación da mocidade en comunicación en lingua de signos. Deste xeito, convoca un novo curso de lingua de signos (LSE) para a poboación moza. A formación impartirase de outubro a decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando o impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 23 e 30 de setembro. Hai 20 prazas dispoñibles que se asignarán por orde de chegada. 

Dentro do programa formativo Lidera2, da Concellaría de Xuventude de Ames, convócase un novo curso destinado á poboación moza do concello interesada en formarse en lingua de signos. A través desta formación, preténdese que a mocidade adquira as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das principais e máis básicas destrezas comunicativas das linguas viso-xestuais: a expresión e a interacción signada e a comprensión. Con esta iniciativa, as persoas participantes poderán coñecer na súa fase inicial unha linguaxe coa que romper as barreiras coas persoas xordas, mellorando a interacción social e comunicativa coas oíntes. 

O curso impartirase todos os mércores, na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 17:00 a 20:00 horas, desde o 15 de outubro ata o 17 de decembro. A formación consta de 30 horas lectivas, que seguirán a organización curricular e pedagóxica establecida polo Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER), correspondente ao nivel de competencia A1.1.

Inscricións
Poden anotarse todos/as os/as mozos/as empadroados no Concello de Ames, entre os 16 e os 35 anos.  Para inscribirse será necesario enviar  a ficha que se pode descargar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal, entre o 23 e o 30 de setembro. Hai 20 prazas dispoñibles, que se completarán por orde de entrada.

En caso de non completarse as prazas, poderán participar na actividade todas as persoas maiores de idade do Concello de Ames. Será preciso contar cun mínimo de 11 mozos/as para desenvolver o curso. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames acerca a los vecinos más jóvenes el lenguaje de signos"

O departamento de Xuventude organiza un curso de A1.1 en lingua de signos para os derradeiros meses do ano

Multimedia

  • O departamento de Xuventude organiza un curso de A1.1 en lingua de signos para os derradeiros meses do ano