Solapas principales

O departamento de Xuventude organiza un curso básico de lingua de signos para o último trimestre do ano

Jueves, 14 de septiembre de 2023

A Concellaría de Xuventude convoca un novo curso de lingua de signos (LSE) para a poboación moza. A formación impartirase nos meses de outubro, novembro e decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando este impreso debidamente cuberto e asinado ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 15 e o 21 de setembro. As prazas son limitadas.

Dentro do programa formativo Lidera2, da Concellaría de Xuventude de Ames, convócase un novo curso destinado á poboación moza do concello interesada en formarse en lingua de signos. A través da formación, a mocidade poderá adquirir as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das principais destrezas comunicativas das linguas viso-xestuais: a expresión e a interacción signada e a comprensión. Con esta iniciativa, os participantes poderán coñecer na súa fase inicial unha linguaxe coa que romper as barreiras coas persoas xordas, mellorando a interacción comunicativa cos oíntes.

O curso impartirase os días 5, 19 e 26 de outubro; 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro; e 12, 14, 19 e 21 de decembro. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 16:30 a 19:00 horas. A formación consta de 30 horas lectivas, que seguirán a organización curricular e pedagóxica establecida polo Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER), correspondente ao nivel de competencia A1.1.

Inscricións
Poden anotarse todos/as os/as mozos/as empadroados no Concello de Ames, entre os 16 e os 35 anos, enviando a ficha que se pode descargar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal, entre o 15 e o 21 de setembro. Hai 20 prazas dispoñibles, que se completarán por orde de entrada do impreso de inscrición. En caso de non completarse as prazas, poderán participar na actividade todas as persoas maiores de idade do Concello de Ames. Será preciso contar cun mínimo de 11 mozos/as para desenvolver o curso. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Cartaz do curso de lingua de signos
Descargas: 

Multimedia

  • Cartaz do curso de lingua de signos