Solapas principales

O departamento de Servizos Sociais visita ao alumnado do CEIP A Maía para mostrarlles o seu traballo

Jueves, 31 de marzo de 2022

Os tres grupos de terceiro de primaria do CEIP A Maía recibiron o pasado luns 21 de marzo a parte do persoal do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames, que impartiu unha charla sobre o traballo que realizan nas diferentes áreas que conforman o servizo. Deste xeito, a traballadora social Alicia Nieto e o coordinador de voluntariado, Rubén Ramos, contestaron ás preguntas dunhas 75 nenas e nenos, e explicaron as diferentes necesidades das persoas que pasan polo departamento, así como os profesionais que traballan neste eido, como psicólogos, mediadores ou traballadores sociais, entre outros.

O alumnado de terceiro curso de educación primaria do CEIP A Maía continúa coñecendo a administración local, un tema que veñen cursando nas últimas semanas nas aulas e que se reforzou coa visita o pasado xoves 17 de marzo á Casa do Concello. Mais nesta ocasión, foi o persoal municipal o que se achegou ao colexio para mostrar o seu traballo á rapazada.

A traballadora social Alicia Nieto e o coordinador de voluntariado, Rubén Ramos, foron os encargados de mostrar aos 75 alumnos e alumnas de terceiro en que consiste un departamento de servizos sociais. Para iso, fixeron un repaso polas diferentes profesionais que traballan nunha área coma esta, como traballadoras sociais, mediadoras, psicólogas ou asesoras xurídicas, entre outras. Ademais, expuxéronse algunhas das actividades que realizan, como o reparto de alimentos ou as actividades con persoas maiores.

A charla centrouse tamén nas necesidades das persoas que nalgún momento poidan precisar dos servizos sociais. Neste senso, tratouse de desvincular o concepto de “persoa pobre” destes servizos, moi asentado entre a rapazada, e que non se corresponde coa realidade do traballo diario nesta área. Calquera persoa pode necesitar nalgún momento do traballo e dos recursos prestados polos servizos sociais, sen que iso deba implicar a estigmatización ou a imposición de etiquetas discriminativas.

Ao rematar, os nenos e nenas que participaron na charla tiveron a ocasión de facer as súas preguntas ás profesionais do departamento, que incluíron o por que da guerra de Ucraína, como é a vida da rapazada no Sáhara, e volveron a incidir na creación de novos parques infantís. Os traballadores recordáronlles o funcionamento do Consello Sectorial das Nenas e Nenos, do que había dous representantes na charla, para que lles comunicasen todas as súas suxestións e propostas para o concello.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Visita al CEIP A Maía"

El Correo Gallego: "Servizos Sociais explica su trabajo a 75 alumnos y recoge las propuestas"

AMSGO!: "O alumnado do CEIP A Maía coñece o departamento de Servizos Sociais municipal"

Enfoques: "Los servicios sociales de Ames visitan al alumnado del CEIP A Maía para mostrarles su trabajo"

O departamento de Servizos Sociais visita ao alumnado do CEIP A Maía para mostrarlles o seu traballo

Multimedia

  • O departamento de Servizos Sociais visita ao alumnado do CEIP A Maía para mostrarlles o seu traballo
  • O departamento de Servizos Sociais visita ao alumnado do CEIP A Maía para mostrarlles o seu traballo