Solapas principales

O departamento de Contratación avanza na tramitación de tres obras que se executarán nas parroquias de Biduído e A Ameixenda por valor de 281.518 euros

Sábado, 18 de abril de 2020

A pesar de os prazos administrativos están suspendidos temporalmente debido ao Real Decreto 463/2020, a través do cal se declarou o estado de alarma, o departamento municipal de Contratación segue avanzando na tramitación de expedientes de licitación que estaban abertos. Deste xeito, avánzase na licitación de tres proxectos que se van desenvolver nas parroquias de Biduído e A Ameixenda coa apertura de ofertas. Estas obras, que teñen un orzamento total de 281.518,59 euros, están incluídas no POS+ adicional de 2019. Os proxectos atinxen á pavimentación do camiño que vai de Tarrío a Raíces; a pavimentación do acceso a Sura; e maila pavimentación dos viarios do núcleo de Raíces.

A Mesa de contratación xa abriu os sobres das ofertas do lote 1 (pavimentación do camiño que vai de Tarrío a Raíces) e do lote 2 (pavimentación do acceso a Sura), mentres que para abrir as ofertas do lote 3 (pavimentación dos viarios do núcleo de Raíces) está convocada a Mesa de contratación para o día 21 de abril. Estas obras, que teñen un orzamento base de licitación de 281.518,59 euros, están incluídas no POS+ adicional de 2019.
 
O orzamento base do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Raíces (Biduído) é de 102.696,73 euros. A través de ditas obras preténdese a mellora da capa de rodaxe de catro viarios de 80x4,00; 120x8,00; 700x5,00 e 400x5,00 metros, con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
 
Tamén se pretende a execución de 120 metros (80 e 40 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 5 arquetas con sumidoiro, para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
 
Mellora do camiño que vai de Tarrío a Raíces
Outro dos proxectos que se vai desenvolver na parroquia de Biduído é a pavimentación do camiño que vai de Tarrío a Raíces, que conta cun orzamento base de licitación de 90.920,30 euros. Neste caso actuarase nun camiño cunha lonxitude total de 835 metros e dividido en cinco treitos de 400x4,00; 110x9,00; 90x5,00; 50x4,00 e 185x4,00 metros. Preténdese así a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
 
Tamén se vai pavimentar un sobreancho de 30x20,00 metros, con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanación. Contémplase a obra coa execución de 286 metros (190 e 96 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 7 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.
 
Pavimentación do acceso a Sura (A Ameixenda)
Por outra banda, vaise executar o proxecto de mellora dos accesos ao lugar de Sura, na parroquia da Ameixenda. Este proxecto conta cun orzamento base de licitación de 87.901,56 euros. Actuarase nun viario de 2.010 metros de lonxitude, dividido en dous treitos de 310x4,50 e 1.700x3,50 metros, así como en 125 metros cadrados de sobreanchos. A través desta actuación vaise mellorar a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos.
 
O departamento de Contratación avanza na tramitación de tres obras que se executarán nas parroquias de Biduído e A Ameixenda por valor de 281.518 euros