[07-06-2014] O pasado venres, 30 de maio, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia presentou no Rexistro xeral do Concello de Ames unha copia do proxecto básico de execución da nova escola infantil que se construíra na rúa do Muíño, en Bertamiráns. Esta infraestrutura, que estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados próxima ao paseo fluvial, contará con 6 unidades e 82 prazas. Na actualidade o departamento de urbanismo do Concello de Ames está revisando o proxecto básico e nos vindeiros días emitirán a correspondente licenza de construción para que a Xunta de Galicia poida comezar as obras o máis axiña posible.
O Concello de Ames está traballando para que a localidade de Bertamiráns conte cunha segunda escola infantil. Esta infraestrutura estará situada na rúa do Muíño, que se atopa preto do paseo fluvial de Bertamiráns. O importe de execución desta obra ascende a contía de 735.198,54 euros. Segundo se establece no convenio de construción da escola infantil, o Consorcio achegará o 60% do seu custo total e o Concello o 40%.
No proxecto básico de execución detállase que a nova escola infantil está deseñada en planta baixa. Disporá de dúas zonas diferenciadas que estarán unidas a través dun vestíbulo, que servirá de zona de xogos e de enlace entre as dúas zonas. Na zona sur estarán situadas as 6 aulas das que disporá esta escola, mentres na zona norte haberá unha sala de usos múltiples; unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos; unha sala de profesores/as; e un despacho para a dirección do centro.
A nova escola infantil de Bertamiráns contará cun total de 82 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, distribuídas en 6 unidades, o que permitirá elevar a oferta ata as 184 prazas na rede A Galiña Azul do concello e, polo tanto, suporá un incremento do 80 por cento con respecto ás que existen actualmente. Haberá 2 aulas para nenos/as e 0 a 1 anos, 2 aulas para nenos/as de 1 a 2 anos; e outras 2 aulas para nenos/as de 2 a 3 anos. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 metros cadrados; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unhas dimensións de 36 metros cadrados.
Esta infraestrutura estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados. A superficie construída da escola é de 514,70 metros cadrados, mentres que a superficie ocupada polos porches ascende a 107,75 metros cadrados. Cómpre destacar que o Concello solicitaralle ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que a superficie sobrante da parcela cedida para a construción desta infraestrutura reverta outra ven no Concello.
Sinatura do convenio
No pasado mes de xaneiro o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaron un convenio para a construción en Bertamiráns desta segunda escola infantil. A sinatura deste convenio foi aprobada polo Pleno de Ames en decembro de 2013 coa introdución dun voto particular acordado por toda a corporación municipal. Este texto recolle que a xestión da escola será pública, que contará cun mínimo de 6 unidades e 82 prazas, que o máximo anual correspondente ao Concello non poderá ser modificado unilateralmente polo Consorcio.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou “que nestes momentos estase tramitando a concesión da licenza de construción da nova escola infantil de Bertamiráns por parte dos técnicos do departamento de urbanismo. Posteriormente, haberá que aprobar en Xunta de Goberno Local a concesión desta licenza”. O rexedor municipal tamén destacou “que se trata dunha infraestrutura moi importante para Ames, xa que permitirá que Bertamiráns conte cunha segunda escola infantil que virá a cubrir as necesidades da cidadanía deste núcleo. Ames ten unhas características moi particulares e está en constate crecemento. O pasado ano superamos os 30.000 habitantes e producíronse máis de 340 nacementos”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La guardería de Ames tendrá gestión pública y costará 735.000 euros"
El Correo Gallego: "El Consorcio solicita licencia para la nueva escuela infantil de Ames"