Solapas principales

O concurso de debuxo sobre o libro e a lectura das bibliotecas de Ames xa ten dúas gañadoras

Martes, 24 de mayo de 2022

Co gallo do mes do libro, celebrado en abril cunha programación especial do departamento de Bibliotecas amesán, púxose en marcha un concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura, ao que a rapazada puido presentar os seus mellores deseños con esta temática. Neste senso, xa se coñecen as dúas gañadoras nas categorías de 6 a 9 anos, e na de 10 a 12 anos. Ambas recibiron esta semana un lote de libros, e as súas creacións volverán en forma de marcapáxinas no Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro.

As bibliotecas de Ames veñen de premiar esta semana ás gañadoras do concurso de debuxo sobre o libro e a lectura, que se desenvolveu durante o mes do libro, do 1 ao 30 de abril. Nese período, a rapazada de entre 6 e 12 anos usuaria das bibliotecas presentou un total de 38 creacións nos propios centros, ou ben a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

O debuxo gañador na primeira categoría, de 6 a 9 anos, foi un traballo titulado “Ler é divertido”, que mostra a unha crianza lendo nun escritorio repleto de libros. Nesta categoría participaron un total de 15 nenos e nenas.

Por outra banda, na segunda categoría, que incluíu á rapazada dos 10 aos 12 anos, participaron un total de 23 debuxos, entre os que resultou escollido un titulado “Eu leo, cal é o teu superpoder?”. O traballo reflicte os pensamentos e a imaxinación dunha crianza mentres le un gran libro morado. Nesta categoría, cómpre destacar a alta participación do alumnado de 6ºA do CEIP de Barouta, que malia non resultaren gañadores enviaron unha boa parte dos deseños.

As gañadoras do concurso recibiron a semana pasada un lote de libros, un dos premios deste certame. Para recibir o outro terán que esperar ao 24 de outubro, Día das Bibliotecas, no que as súas creacións ocuparán uns marcapáxinas especiais que se repartirán nos centros do Milladoiro e Bertamiráns.

O xurado do certame estivo formado polo propio equipo de animación á lectura das bibliotecas de Ames, así como pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ellas son las mejores artistas de las bibliotecas de Ames"

Imaxe do debuxo que gañou a segunda categoría do concurso

Multimedia

  • Entrega de premios do concurso de debuxo
  • Imaxe do debuxo que gañou a primeira categoría do concurso
  • Imaxe do debuxo que gañou a segunda categoría do concurso
  • Cartel do concurso de debuxo