Solapas principales

O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido

Martes, 19 de mayo de 2026

A veciñanza de Bugallido e numerosos visitantes déronse cita en Ames para participar nunha completa fin de semana festiva que serviu para exaltar a identidade da parroquia. Tras superar a incerteza meteorolóxica das primeiras horas, as xornadas transcorreron cunha magnífica acollida de público. A proposta cultural e lúdica consolidou a Carballeira e o San Isidro como dúas propostas ideais para o intercambio interxeracional, facilitando a transmisión de valores patrimoniais e lingüísticos no ámbito rural. 

A xornada do sábado estivo dedicada de cheo a conmemorar o Día das Letras Galegas na carballeira de Bugallido. O programa arrincou co espectáculo infantil As mil e unha, no que Vero Rilo e Luis Iglesias achegaron ao público cativo a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano. A continuación, a sesión vermú correu a cargo de Los Jinetes del Trópico, que fixeron bailar a todos os asistentes. 

Xa pola tarde, viviuse un dos momentos máis emotivos coa exhibición do alumnado das escolas de música e baile de Bugallido, onde pequenos e maiores demostraron os seus avances nas disciplinas tradicionais. A innovación veu da man do Colectivo do Flow e a súa proposta de teatro improvisado, mentres que o broche de ouro do día correu a cargo do grupo Tiruleque, que animou os máis bailadores cun concerto de música folk.

Celebración do San Isidro o domingo
O domingo, a tradicional festa de San Isidro encheu de novo Bugallido cunha gran afluencia de público. A vertente máis tradicional iniciouse coa misa, cantada pola Coral Polifónica de Bugallido e coa participación das pandeireteiras máis novas na ofrenda ao santo. O baile tradicional colleu o relevo coas actuacións dos grupos locais A Chaviña, Pedradán, Hortas da Maía e Fieitos e Papoulas, xusto antes da agardada degustación de callos e empanada ao son da Charanga Santa Compaña.

Tras os xogos infantís e as sobremesas da tarde, chegou o agardado momento do concerto de peche con SonDeSeu. A Orquestra de Música Folk de Galicia ofreceu un concerto maxistral cos seus 60 integrantes, nun formato de exterior moi pouco habitual, selando así unha intensa e festiva fin de semana.

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboraron na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias.

Dende a organización fan un balance moi positivo: “esta fin de semana demostrouse a utilidade de seguir facendo comunidade desde a parroquia. A través dunha axenda que combinou diferentes estilos e disciplinas, Bugallido reafirmou a súa aposta pola cultura en galego, demostrando tamén que é posible descentralizar a programación e achegar propostas de alto nivel artístico directamente ao medio rural”.

O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido

Multimedia

  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido
  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido
  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido
  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido
  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido
  • O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido