Solapas principales

O Concello repartiu 3.000 novas máscaras entre a veciñanza amesá, con especial incidencia entre os/as usuarios/as do transporte público e comercios abertos

Jueves, 07 de mayo de 2020

Despois da publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado domingo, 3 de maio, das diferentes ordes que regulan a fase 0 do proceso de desescalada, o Concello de Ames procedeu durante o luns e o martes ao reparto de 3.000 novas máscaras entre a veciñanza amesá. No operativo participaron a Garda Civil do Milladoiro, que coordinou o reparto, a Policía Local e maila Agrupación de Protección Civil de Ames. Repartíronse 2.500 máscaras cedidas polo Goberno central, a través da Subdelegación do Goberno en Galicia, e o Concello aportou ademais, entre os comercios e establecementos, 500 máscaras e 200 pantallas de protección.

O novo reparto de máscaras e pantallas tivo unha especial incidencia entre os/as usuarios/as do transporte público e comercios e establecementos que abriron as súas portas o pasado luns, 4 de maio, en función das novas ordes que regulan a fase 0 do proceso de desescalada.

Hai que lembrar que, nesta fase, o uso de máscaras que cubran nariz e boca é obrigatorio para todos os/as usuarios/as do transporte en autobús. Garda Civil, Policía Local e Protección Civil repartiron 2.000 máscaras entre os/as usuarios e usuarias do transporte público nas paradas de buses e principais rúas do concello. Igualmente, os taxistas recibiron paquetes con varias máscaras.

Tamén desde o pasado luns, 4 de maio, establecéronse unha serie de condicións para a apertura ao público de establecementos e locais comercias, comerciantes polo miúdo, e de prestación de servizos asimilados. Protección Civil, que repartiu tamén nas paradas de autobuses, fixo especial incidencia neste reparto entre o comercio local e os establecementos que están abertos, repartindo 500 máscaras e 200 pantallas de protección.

Pantallas de protección
Hai que destacar que as pantallas de protección que está a repartir o Concello de Ames foron feitas por makers galegos, persoas que pensan en solucións a problemas cotiás e que desfrutan compartindo o que saben facer, online ou en persoa, permitindo unha innovación moito máis áxil.

Entre estas iniciativas destaca a denominada Cooperavirus, unha plataforma online posta en marcha dende Galicia por un grupo de emprendedores de diversas entidades, e que xa conseguiu a fabricación de 10.000 máscaras de protección, 17.000 batas protectoras, máis de 1.000 pantallas protectoras, 7 canóns de ozono e 100 válvulas para respiradores, que distribuíu a nivel nacional. Nos primeiros momentos da crise sanitaria, Cooperavirus xa doou ao Concello de Ames un total de 600 láminas de PVC e gomas de costura para a fabricación de pantallas de protección.

Imaxe do reparto de máscaras feito os días 13 e 14 de abril por Protección Civil