Solapas principales

O Concello recibe unha axuda de 220.000 euros para sufragar gastos de mantemento e para a gratuidade das escolas municipais de educación infantil

Viernes, 15 de diciembre de 2023

O Concello de Ames recibiu a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude, na que se lle concede unha axuda de 220.664 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2023/2024. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000€ para gastos de mantemento das escolas infantís, e 136.000€ para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.

O Concello de Ames vén de recibir a boa nova de que a Consellería de Política Social e Xuventude lle concede unha axuda de 220.664 euros  para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque (Bertamiráns) e A Madalena (Milladoiro). A subvención concedida está regulada pola Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e se enmarca dentro da orde do 10 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases da concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís para o curso 2023/2024.

Deste xeito, a atención educativa nas dúas escolas infantís municipais será de balde para todo o alumnado durante o presente curso. Tanto O Bosque como A Madalena aplicarán directamente a todos os beneficiarios un desconto do 100% no custo da matrícula, e será a Xunta de Galicia a que aboe o custo do servizo educativo.

Para que esta medida se aplique, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Esta axuda non inclúe o custo do servizo de comedor nin as actividades extraescolares que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

Dúas liñas de axuda
Esta axuda, dirixida ao sostemento dos centros de educación infantil de 0 a 3 anos, consta de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento dos centros, e a liña 2, que compensará a aplicación da bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa e á matrícula.

A liña 1 contará con 84.000 euros, dos cales 30.545,45€ se corresponden co ano 2023, e 53.454,55€ co ano 2024. O período subvencionable desta liña comprende entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024.

A liña 2 desta subvención conta cunha dotación de 136.664 euros. A axuda correspondente aos meses de setembro a decembro de 2023 ascende a 49,696€. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 25.282 euros; e á de O Bosque, 24.414 euros. Por outra banda, a axuda correspondente aos meses de xaneiro a xullo de 2024 é de 86.968 euros. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 44.243,50 euros; e á de O Bosque, 42.724,50 euros. O período subvencionable desta comprende entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024, pola totalidade do alumnado, para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.

Imaxe da escola infantil municipal O Bosque

Multimedia

  • Imaxe da escola infantil municipal A Madalena