Solapas principales

O Concello pon en valor ás súas escolas unitarias de Covas e Ortoño

Sábado, 05 de febrero de 2022

Dende o comezo das campañas de difusión sobre as unitarias amesás en 2017, as escolas de Covas e Ortoño atraeron a unha importante cantidade de novas familias que mantiveron en bo estado de saúde aos centros. A aposta polas unitarias continuou nos últimos anos, sumando programas de conciliación como o servizo de madrugadores Bos Días ou os comedores escolares. Neste 2022, volveranse a repartir dípticos e carteis informativos nas escolas infantís municipais do Bosque e da Madalena, nos centros da rede Galiña Azul e nas propias unitarias de Covas e Ortoño.

Dos arredor de 2.500 nenos e nenas que conformaban o alumnado de educación infantil e primaria de Ames a comezos de curso 2021/2022, uns 29 acoden ás escolas unitarias municipais. Por unha banda, na escola de Covas iniciaron o período lectivo 12 alumnos e alumnas, mentres que na de Ortoño, 17. A cativada de entre 3 e 6 anos que asiste a estes centros goza dunha experiencia formativa diferente, con escolas de menores dimensións situadas no rural.

Anualmente dende o ano 2017, o Concello de Ames, a través do seu departamento de Educación, lanza preto do período de matriculación unha campaña de información e difusión das súas escolas infantís unitarias, co fin de poñelas en valor e dalas a coñecer ás familias que poidan estar interesadas no seu formato formativo.

As escolas unitarias amesás gozan na actualidade dunha boa saúde, xa que encadean varios anos enchendo ou practicamente completando as prazas que ofertan, e con relevos xeracionais de nenos e nenas de 3 anos que aseguran a a continuidade dos centros a medio prazo. Ademais, durante os últimos cursos foron sumando servizos cos que xa contaban as demais escolas infantís e primarias, como os servizos de conciliación de madrugadores ou os comedores escolares.

Nas próximas xornadas, e durante o período de matriculación para o curso 2022/2023, Educación repartirá dípticos informativos e carteis nas escolas municipais do Bosque e da Madalena, nos centros da rede Galiña Azul e nas propias unitarias de Covas e Ortoño.

O concelleiro de Educación, David Santomil, gabou a gran vitalidade destes centros educativos, “un logro de toda a comunidade educativa e da veciñanza”, sinalou. “Dende o Goberno municipal apostamos dende un primeiro por salvar as nosas escolas unitarias, que estaban en risco de peche por falta de alumnado. As campañas de información e a incorporación dos programas de conciliación Bos Días e os comedores permiten que cada vez máis familias escollan este modelo de escola tan necesario”, recalcou Santomil.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Animan a la matriculación en unas unitarias y escuelas maianas de calidad"

O Concello pon en valor ás súas escolas unitarias de Covas e Ortoño

Multimedia

  • O Concello pon en valor ás súas escolas unitarias de Covas e Ortoño
  • O Concello pon en valor ás súas escolas unitarias de Covas e Ortoño