Solapas principales

O Concello pon en marcha por sétimo ano consecutivo a campaña “Zocos e Trasnos”

Lunes, 14 de noviembre de 2022

Por sétimo ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social presenta a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base as cartas que a rapazada, os trasnos, escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como “zocos” actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, esta campaña supón unha dignificación dos agasallos que se lle entregan aos nenos e nenas cuxas familias atravesan dificultades económicas. “Non se trata neste caso de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade”. A concelleira convida a toda a veciñanza a participar desta campaña que ten como obxectivo que ningún neno e ningunha nena queden no Nadal sen o agasallo que eles desexan.

A campaña conta con dous piares fundamentais. Por unha banda os zocos, que son as nenas e nenos de 0 a 12 anos, que forman parte de familias que non están atravesando un bo momento economicamente. Pola outra, os trasnos, axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto, que serán os encargados de “facerse” con ese agasallo e entregalos nos chamados “Puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

A Oficina de Voluntariado de Ames será a encargada de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno a través dun código de identificación que preserva o anonimato de todas as nenas e nenos.

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista
Cada trasno deberá escoller algo do solicitado na carta, que non poderá superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Compre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os zocos poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.

Como converterse en trasno?
Calquera pode converterse en trasno. A única condición é comprometerse co proxecto. Para rexistrarse como trasno pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través dun correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A campaña Zocos e Trasnos tivo moi boa acollida nas edicións anteriores por parte da veciñanza de Ames, de xeito que cada Nadal arredor de 200 nenas e nenos tiveron o seu agasallo grazas a colaboración dos Trasnos. “É un xeito de axudar a aquelas familias amesás que máis o necesitan ou que están pasando por un mal momento económico. Animamos a todos os veciños e veciñas, na medida que poidan, sós, en grupo ou en familia a colaborar nesta campaña solidaria”, conclúe a concelleira de Benestar Social Luísa Feijóo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Aseguran os regalos navideños para a rapazada ca campaña Zocos e Trasnos"

La Voz de Galicia: "Ames pone en marcha «Zocos e Trasnos» para dar regalos de navidad a niños"

O Concello pon en marcha por sétimo ano consecutivo a campaña “Zocos e Trasnos”

Multimedia

  • O Concello pon en marcha por sétimo ano consecutivo a campaña “Zocos e Trasnos”