Solapas principales

O Concello notifícalle á Dirección Xeral de Mobilidade varias deficiencias no servizo de transporte metropolitano de Ames

Sábado, 06 de marzo de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de enviarlle unha carta ao Director Xeral de Mobilidade, notificándolle varias deficiencias no servizo de transporte metropolitano que se presta no termo municipal amesá. Ademais, envióuselle outro escrito á empresa Monbus, concesionaria de varias liñas do transporte metropolitano de Ames, en relación a diferentes incidencias que traslada a veciñanza amesá ao departamento de Mobilidade sobre o servizo que están a prestar no concello de Ames.

O novo contrato do transporte metropolitano entrou en vigor o pasado 23 de decembro de 2020. Transcorrido un período de tempo prudencial, para que a nova adxudicataria do servizo que se presta en Ames se adaptase, dende a Concellaría de Mobilidade acaban de enviarlle unha carta á Dirección Xeral de Mobilidade para notificarlle varias deficiencias en dito servizo:

-A falta de cumprimento de frecuencias, fundamentalmente os fins de semana (estando as persoas máis dunha hora na parada sen pasar ningún autobús).
-Falta de información por parte da empresa aos/ás usuarios/as, alegando que cada día fan unha ruta distinta e non poden facilitar a información solicitada.
-Non existe reforzo en algunhas liñas ás horas puntas, quedando os/ás usuarios/as na parada sen servizo por ir completo. Neste caso, as persoas prexudicadas realizaron a chamada correspondente a empresa Monbus e non estaban operativos os teléfonos de atención ao cliente.
-Persoas que dependen do transporte metropolitano para acudir aos centros de traballo, centros de estudo, citas médicas, etc., vense obrigadas a buscar medios alternativos para poder desprazarse debido ás deficiencias que está a presentar este servizo dende o 23 de decembro de 2020.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “co ánimo de colaboración e para tratar de acadar un transporte metropolitano de calidade para a veciñanza de Ames puxémonos en contacto coa Dirección Xeral de Mobilidade para explicarlles os numerosos problemas que están a acontecer o que fai que este servizo sexa deficiente e precario. Despois de dous meses e medio dende a entrada en funcionamento do nova concesión, tempo suficiente para a súa adaptación, trasladámoslle os principais problemas que está a sufrir a veciñanza amesá”.

Beatriz Martínez engade “non debemos perder de vista o obxectivo fundamental do transporte metropolitano, que é a conectividade e fomento do transporte público, para non utilizar de forma abusiva o vehículo privado, e así acadar unhas cidades máis limpas dende o punto de vista medioambiental. Se a isto lle engadimos a situación que estamos a vivir coa pandemia na que moitas persoas ven diminuída a súa economía, precisan dun medio accesible para os seus desprazamentos, polo que debemos de trasladarlle estas deficiencias á Dirección Xeral de Mobilidade por ser a responsable do servizo, para tratar de solucionalas”.

Deficiencias no servizo prestado pola empresa Monbus
Ademais, envióuselle outro escrito á empresa Monbus, concesionaria de varias liñas do transporte metropolitano de Ames, en relación a diferentes incidencias que traslada a veciñanza amesá ao departamento de Mobilidade sobre o servizo que están a prestar no concello de Ames.

-Incumprimento de frecuencias fundamentalmente os sábados e domingos.
-Deixar sen servizo a persoas a primeira hora da mañá por ir o autobús cheo e non poñer reforzo sendo este necesario.
-Falta de información por parte da empresa, tanto por non atender os teléfonos de atención ao cliente ás 08:30 horas, cando están dispoñibles dende ás 08:00 horas segundo consta na súa páxina web, como por descoñecemento por parte dos condutores que indican que cada día fan un recorrido distinto.
-Non se coñece o motivo polo que na praza da Maía, en Bertamiráns, permanece un autobús parado dende ás 15:30h ata ás 19:00h, tendo en conta que está nunha zona urbana e impide a parada doutros autobuses na zona habilitada.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mobilidade estudará un reforzo do bus amesán"

Imaxe do transporte metropolitano