Solapas principales

O Concello instalará, por terceiro ano consecutivo, unha caravana morada nas festas do Milladoiro e de Bertamiráns

Lunes, 04 de agosto de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social e Igualdade, instalará, por terceiro ano consecutivo, unha caravana morada no Milladoiro, este martes, 5 de agosto; e outra en Bertamiráns, o xoves día 7, con motivo da programación que se vai desenvolver en ámbalas dúas xornadas polas festividades da Madalena e da Peregrina. No caso do Milladoiro, estará colocada nos arredores da Casa da Cultura, mentres que en Bertamiráns estará situada a carón da zona de aparcamento do Pazo da Peregrina. En ámbalas dúas xornadas, a caravana estará operativa en horario de 22.00 a 5.00 horas

A caravana morada é un instrumento que busca actuar fronte á violencia machista e acercar servizos integrais ás vítimas. Este punto establécese durante eventos de ocio, e serve para denunciar agresións machistas; e para acompañar e atender ás vítimas. Tamén se emprega como lugar informativo para saber como actuar fronte a este tipo de violencia.

Os compoñentes da caravana morada que estarán presentes son unha psicóloga especializada en xénero, e unha educadora social e axente de igualdade. Así, este espazo responde a un obxectivo dobre: atender, informar e axudar ás vítimas de agresións e tamén sensibilizar e visibilizar ante a sociedade as agresións sexuais nas festas.

Caravana morada nos dous principais núcleos do concello
No caso do Milladoiro, a caravana morada instalarase mañá martes, 5 de agosto, no derradeiro día das festas da Madalena. Estará localizada nos arredores da Casa da Cultura da localidade. Nesta xornada, a partir das 23.00 horas, actuará a orquestra Olympus e, ás 2.00 horas, amenizarán o resto da noite os pinchadiscos Kike Varela e Marcos Magán. 

Por outra banda, o xoves día 7, na segunda xornada dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns, a caravana  trasladarase á zona de aparcamento do Pazo da Peregrina. Será con motivo da actuación da orquestra Panorama no campo de festa da Peregrina, que dará comezo a partir das 23:00 horas. A partir das 2.00 horas, será a quenda da discomóbil CDC. 

Deste xeito, en ámbalas dúas xornadas, a caravana estará operativa en horario de 22.00 a 5.00 horas para atender e denunciar calquera tipo de incidencia de violencia machista que aconteza durante as festas

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames activa la caravana morada en los festejos de O Milladoiro y Bertamiráns"

O Concello instalará, por terceiro ano consecutivo, unha caravana morada nas festas do Milladoiro e de Bertamiráns