Solapas principales

O Concello fai unha recepción institucional a alumnos e alumnas do IES de Bertamiráns e do CEP de Ventín, gañadores de concursos sobre igualdade e contra a violencia de xénero

Sábado, 05 de diciembre de 2020

“Se me controlas non me molas!” Este é o lema co que as rapazas e rapaces de 6º E do colexio de Ventín gañaron o segundo premio de Lemas contra a violencia de xénero, convocado pola Xunta de Galicia co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero cun vídeo que leva por título "Nós" e que ensalza o papel da muller como motor da sociedade. Por outra banda, varias alumnas do IES de Bertamiráns acadaron o Premio Iniciativa Creadora do IV Concurso de Cortos sobre Igualdade convocado polo INICE-MUJER. O Concello de Ames organizou unha recepción para felicitar aos e ás premiadas na que se lle entregaron diversos agasallos.

Ademais dos/as premiados e premiadas, algúns profesores e persoal do departamento de Servizos Sociais e Igualdade, asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, Quique Costas, concelleiro de Ames Novo, e Oliva Agra, concelleira do Partido Popular de Ames.  

O alcalde de Ames manifestou que era un honor para o Concello de Ames contar con xente moza que traballe pola igualdade dende as escolas a institutos e gabou o labor e o gran peso que nese senso teñen os servizos educativos dos centros. “Grazas a súa profesionalidade están axudando a crear unha sociedade aberta e avanzada. Este é o camiño co que conseguiremos acabar cos estereotipos relacionados co xénero, eliminar condutas sexistas e romper o teito de cristal, problemas contra os que seguirá a traballar o noso concello”, dixo Jose Miñones.

Pola súa banda a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, ademais de felicitar aos premiados e ás premiadas, animounos a seguir traballando, día a día, a prol da igualdade e pediulles ás rapazas que endexamais deixaran “que ninguén apagase a súa forza ou cuestionase o seu valer”.

A muller motor de presente e de futuro
Ángela Mayo Dosil, Rosana Fernández Martínez, María Jiménez Rivas, Zeltia Loureiro Esperante, e Fátima Orosa Paz, foron as alumnas premiadas do IES de Bertamiráns, que obtiveron o segundo Premio Iniciativa Creadora do IV Concurso de Cortos sobre Igualdade convocado polo INICE-MUJER, elaboraron un vídeo no que se valoriza o papel da muller como motor de presente e de futuro e a responsabilidade que todos e todas temos á hora de acadar unha sociedade igualitaria. Traballaron sen ter en conta que se ían presentar a un concurso e aínda non dan creto ao feito de que quedaron de segundas entre máis de 40 vídeos seleccionados.

As premiadas contáronos que "Nós" era un traballo escolar no que non tiñan posta demasiada confianza e que foi unha profesora a que lles axudou e animou a presentarse ao concurso. Dixeron que fixeron todo en tres días “comezamos polo guión e despois todo foi saíndo rodado, a pesares de que cadrou en tempo de Nadal e estabamos separadas”.  

Ángela Mayo destaca que “ao principio custou empezar porque cadrou xusto no Nadal e estabamos separadas, pero ao final estanos dando moitas alegrías, máis das que pensabamos”.

Unha mira, un ollo e unha porta para o control
Xiana, Yeilli, Aarón C, Ariadna, Dai, Tiago, Iker, Aitana, Sonia, Aarón M, Elías, Diego, Yago, Aroa, Brais, Iván, Xoel, Ramón e Ainhoa, o alumnado da clase de 6º E do CEP de Ventín, traballou durante varias semanas até dar cun lema no que todos e todas estiveron de acordo.

Concordaron nun primeiro momento que o que querían destacar, o que máis repulsa lles causaba era o tema do “control”. Decidiron entón xogar con esa palabra para a mensaxe e buscaron unha palabra que rimase, que non fose moi longa e que representase a súa idade. Tras votación democrática, saíu elixida a palabra “mola”. O lema resultante quedou en “Se me controlas non me molas”.

O concurso pedía ademais do lema, unha imaxe que o representase. Elixiuse a mira dunha porta como símbolo desa actitude de control e porque é ese buraco da porta por onde a muller se sinte observada e xulgada, etc. Os pequenos creativos e creativas chegaron á conclusión de que esa mira representa a ollada constante á que están sometidas as mulleres que sofren violencia de xénero.  Ademais, para relacionalo co tema do control,completaron o debuxo cun ollo que incrementa esa sensación de control e unha porta, como representación  de algo infranqueable, que non pode nin debe acontecer, que non debe abrirse.

El Correo Gallego: "Premian lemas do CEP de Ventín e IES silledense contra a violencia machista"

Acto recepción alumnado IES

Multimedia

  • acto recepcion alumnado
  • acto recepcion alumnado
  • acto recepcion alumnado
  • acto recepcion alumnado
  • acto recepcion alumnado CEP de Ventín
  • Premiados.
  • Lema.
  • Embedded thumbnail for