Solapas principales

O Concello estudará a definición da garantía para as terrazas especiais recollendo a proposta das asociacións hostaleiras e estenderá a conxelación do pago para o ano 2021

Martes, 30 de marzo de 2021

O departamento de urbanismo manterá estes días unha xuntanza para analizar a última proposta dos hostaleiros que limita a garantía a aqueles espazos que teñan unha ocupación con elementos fixos ou con tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública. Na xuntanza establecerase a redacción final que novamente se achegará ás asociacións e grupos da oposición. Ao longo deste ano, o Goberno mantivo xa varias reunións cos diferentes colectivos implicados para coñecer os distintos puntos de vista e poder acadar un documento sólido, consensuado e cos máximos apoios posibles. É a primeira vez que en Ames se regula o uso das terrazas.

O pasado xoves o Goberno propuxo a retirada da orde do día do Pleno Ordinario do mes de marzo da aprobación definitiva da ordenanza de terrazas, unha vez que se resolvían as alegacións presentadas polas Asociacións hostaleiras e o PP local. As tres alegacións presentadas contiñan un punto en común que facía referencia ao prezo da garantía que se solicita para a instalación das terrazas e como mecanismo de protección do espazo público. Horas antes o, ata onte, concelleiro de Urbanismo e alcalde, Jose Miñones, xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, e a asesora xurídica de Urbanismo, reuníanse cos representantes da Asociación de hostalería de Compostela e da Xuntanza de empresarios de Ames (Xea). O obxectivo desta xuntanza era trasladar o detalle dos informes técnicos conforme se levaba a cabo unha modificación da ordenanza e que atendía certas das alegacións presentadas. Unha vez debatidas as posturas desde o Goberno aceptouse buscar unha nova redacción do documento na procura de solventar o único punto de desacordo no referido á garantía a depositar por parte dos hostaleiros.

Para o Goberno, a posta en marcha dunha nova ordenanza reguladora dun servizo coma este supón todo un reto para o que o departamento de urbanismo leva traballando máis dun ano. O Concello de Ames sorprendentemente non contaba cunha ordenanza reguladora deste tipo e esta será a primeira que se levará a aprobación. A problemática dunha ordenanza deste tipo, con intereses cruzados, dificulta a posibilidade de contentar a todas as partes, pero tanto as asociacións como o goberno destacaron, na xuntanza da semana pasada, “o gran avance e carácter de consenso que tivo todo o procedemento ao longo dos varios meses de tramitación”. "É precisamente por isto polo que desde o Concello queremos acadar o máximo apoio posible e de aí que prefiramos atrasar un mes máis a súa aprobación si con elo conseguimos un documento mais sólido", declara Miñones.

Negociacións
Ao longo deste ano de traballo o Goberno mantivo mais de catro xuntanzas cos diferentes colectivos implicados, de cara a ir coñecendo os puntos de vista e acadar un documento o mais consensuado posible. Así, o borrador inicial da ordenanza contou con preto de 70 achegas, modificacións de texto e supresión de artigos. O 80% das propostas realizadas foron aceptadas o que amosa a capacidade de consenso que no referido a esta ordenanza se mantivo por parte do Concello. Unha vez incorporadas estas propostas o texto someteuse no mes de Novembro a consulta pública durante un mes.

Desde o Goberno aclárase que “o borrador do texto que foi publicado no mes de novembro e sometido a consulta pública, xa contaba cos importes da garantía recollidos no Anexo II. Dita información pódese ver no portal web no apartado de  consulta pública onde aínda está colgado o texto íntegro da ordenanza. "Isto demostra que xa no mes de novembro todos os grupos municipais coñecían a contía que se establecía para a garantía e que seguía o mesmo concepto que no caso da garantía de obras".

Pasado os 30 días de consulta pública non houbo achegas e o texto levouse a aprobación plenaria no pasado mes de decembro co voto maioritario da Corporación e a excepción da abstención do PP local. Unha vez aprobada inicialmente a ordenanza someteuse novamente a 30 días de exposición pública onde se presentaron estas alegacións referidas á garantía. Desde o Concello sinalan “a longa exposición de consenso que tivo esta ordenanza e que mesmo ás últimas alegacións presentadas tratouse de buscar unha nova redacción máis apropiada e equitativa”.

Nova xuntanza de urbanismo
Nesta mesma semana o departamento de urbanismo volverá a ter unha xuntanza para analizar a última proposta dos hostaleiros que limita a garantía a aqueles espazos que teñan unha ocupación con elementos fixos ou con tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública. O último informe técnico que clasificaba a garantía en función do tipo de solo, establecendo tres tipos de importes por metro cadrado, será válido para a súa aplicación a este tipo de terrazas podendo incorporarse igualmente á ordenanza. Na xuntanza deste mércores establecerase a redacción final que novamente se achegará ás asociacións e grupos da oposición. Para o Goberno “que o único punto de desacordo estea nos importes da garantía é algo positivo porque significa que os aspectos máis complicados deste tipo de ordenanza, e realmente importantes á hora da súa aplicación, están consensuados por ambas partes, o cal é todo un avance para ser a primeira vez que se regula o uso das terrazas”.

Finalmente, desde o Concello informan que a derrogación da ordenanza fiscal que regula os prezos seguirá vixente durante todo o ano 2021 como medida complementaria de axuda ao sector e que se suma así á condonación do pago das terrazas do ano 2020 e as axudas do Plan de reactivación postas en marcha neste mesmo ano 2021, tales como as tarxetas merc@mes ou as axudas PEL conxuntamente coa Deputación de A Coruña e que supoñen 650.000€ de aportación económica.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames seguirá estudando a normativa de terrazas"

El Correo Gallego: "Proponen limitar la garantía a las terrazas de Ames que tengan tarima o elementos fijos"

Compostela 24 horas: "Propoñen limitar a garantía ás terrazas de Ames que teñan tarima ou elementos fixos"

terrazas.

Multimedia

  • terrazas.
  • terrazas.