Solapas principales

O Concello de Ames volve a remitirlle a AMTEGA a solicitude dunha Aula CeMIT para o núcleo urbano do Milladoiro

Sábado, 18 de enero de 2020

O goberno municipal de Ames volve a solicitar unha Aula CeMIT para o Milladoiro. O alcalde de Ames, Jose Miñones, vén de enviarlle o pasado 8 de xaneiro unha carta á directora da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Rosa Méndez Calvo, solicitando que se dote de dito servizo ao núcleo urbano máis poboado do concello. Anteriormente, xa se mantivo unha xuntanza entre ambos representantes institucionais e tamén, en marzo de 2019, se fixo esta mesma petición a través de carta.

O alcalde de Ames, José Miñones, reitera a solicitude dunha Aula CeMIT para o Milladoiro. Despois de manter unha xuntanza coa propia directora da área de Sociedade Dixital de AMTEGA, Rosa Méndez Calvo, e de seguir reiterando a necesidade deste servizo co envío dunha primeira carta remitida en marzo do 2019, o rexedor segue reiterando a solicitude, utilizando de novo esta última vía.

Dita solicitude responde a unha petición reiterada dos veciños e veciñas do Milladoiro e arredores, que reclaman que se ofreza no seu núcleo unha oferta semellante á de Bertamiráns, que xa conta cunha Aula CeMIT. Dende o goberno municipal apúntase non só a que Ames é un dos concellos con maior porcentaxe de poboación moza, senón tamén a que o crecemento de poboación fai necesario un servizo co que outros municipios con menor densidade de poboación xa contan.

Recálcase que o número oficial de habitantes no concello é de 32.327 e no núcleo do Milladoiro concretamente, son agora mesmo 13.451, unha cifra que segue medrando. Polo tanto, xa se superan os 32.000 habitantes, cunha poboación similar a Redonda, a cal si que dispón de dúas aulas da Rede CeMIT, unha en Redondela e outra en Chapela.

Ademais, engádese que non é unicamente a mocidade a que fai uso desta instalación, xa que hai xente maior que se achega a Aula CeMIT para aprender a usar as redes sociais, participar en cursos e obradoiros para iniciarse en diversos aspectos tecnolóxicos ou   contactar con familiares que viven no estranxeiro ou realizar trámites varios.

Necesidade deste servizo no Milladoiro
Habitualmente recíbense arredor de 20 ou 30 correos mensuais na aula CeMIT de Bertamiráns nos que a veciñanza pregunta sobre os servizos no Milladoiro; os programas de conciliación (nadal, entroido, semana santa e verán) teñen unha alta demanda por parte de poboación do Milladoiro, pero ao ter que desprazarse a Bertamiráns, os inscritos redúcense.

Ademais de cursos e programas de conciliación, fanse formacións específicas para o tecido asociativo, como presentación de solicitudes, tramitación subvencións...e todos os trámites referidos ás asociacións, comunidades, clubs deportivos, etc. No Milladoiro non poden desenvolverse, xa que a veciñanza non dispón de medios para poder facelas.

Neste senso, o goberno municipal suxire que a actual Aula de Informática do Milladoiro pode ser o espazo máis adecuado para a súa conversión en aula CeMIT, posto que conta cunha localización coñecida polos cidadáns e posúe todas as comodidades necesarias para tal fin.

O Concello de Ames volve a remitirlle a AMTEGA a solicitude dunha Aula CeMIT para o núcleo urbano do Milladoiro