Solapas principales

O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude

Martes, 02 de agosto de 2022

Os pavillóns do IES do Milladoiro e do IES de Ames, así como, o pavillón municipal do Milladoiro van acoller dende hoxe e ata o domingo a 1200 mozos e mozas chegadas de Madrid, Badaxoz e Alacante. Os/as peregrinos/as forman parte da Peregrinación Europea de Xuventude que vai reunir a 12 mil mozas e mozos en Santiago de Compostela entre este mércores día 3 de agosto e o domingo 7 de agosto. Ademais, ao longo desta semana máis de 5000 mozos e mozas van percorrer o noso concello no seu peregrinar a Santiago de Compostela.

A Peregrinación Europea da Xuventude 2022 terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 7 de agosto. Unha edición na que participan máis de 12 mil mozos e mozas de entre 16 e 35 anos chegados de toda España, Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Ucraína e Rusia. Os xoves percorren durante cinco etapas once rutas distintas do Camiño de Santiago para vivir a experiencia de facer o Camiño. Unha vez chegados a Santiago e de recoller a Compostela van participar en distintas actividades e cuxos actos centrais terán lugar esta fin de semana en Compostela.

Esta peregrinación de xoves europeos xa chegou a Ames. Hoxe, martes 2 de agosto, 1773 mozas e mozos de Madrid, Castela e León, Asturias, Portugal ou Italia percorrerán as rúas de O Milladoiro na súa derradeira etapa ata Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, 500 mozos de Córdoba farán o mesmo polas rúas de Bertamiráns. Durante a xornada de mañá mércores 3 de agosto serán 2615 os peregrinos e as peregrinas de Madrid, San Sebastián, Sevilla ou Xerez que atravesen O Milladoiro e 520 os valencianos e valencianas que o fagan por Bertamiráns. A peregrinación rematará o venres 4 de agosto co paso de 378 peregrinos en O Milladoiro e 263 en Bertamiráns.

Deste xeito, son un total de 5149 os mozos e mozas os que ao longo da semana pasarán por Ames. Uns peregrinos que iniciaron hai cinco días o seu peregrinar a Compostela polo Camiño Portugués, o Camiño de Muros-Noia, o Camiño a Orixe ou a variante espiritual. Neste senso, os peregrinos e as peregrinas que percorran Ames contarán coa colaboración da Policía Local e da Asociación de Voluntarios de Protección Civil e de Ames nos seus desprazamentos.

Ademais, o Concello de Ames vai acoller 1232 mozos e mozas entre os pavillóns do IES do Milladoiro e do IES de Ames, así como, o pavillón municipal do Milladoiro. Son xoves chegados de Madrid, Badaxoz e Alacante que dende hoxe martes e ata o domingo 7 de agosto van pasar a noite no noso concello.

O alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción por colaborar coa Peregrinación Europea da Xuventude e pediu a colaboración da veciñanza para acoller aos peregrinos e peregrinas "Ames é o único concello que o atravesan tres camiños de Santiago, e polo tanto é unha satisfacción poder colaborar con esta peregrinación masiva e acoller un número importante de mozos e mozas porque nos axuda a dar a coñecer o noso municipio". E engadiu "Fago un chamamento á colaboración veciñal, como fai sempre á hora de acoller e axudar aos peregrinos ou outras persoas que acoden ao noso concello, pero nesta ocasión con maior motivo posto que se trata de persoas mozas que deben levar unha boa imaxe de Ames e das súas xentes”.

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, recoñece que está é unha boa forma de dar a coñecer o concello de Ames “esta é unha gran oportunidade para dar o coñecer o noso concello a milleiros de visitantes. Existe unha gran porcentaxe de peregrinos que volven ao territorios como turistas e así esperamos que sexa con todos os mozos e mozas que ao longo destes días van pasar a noite e percorrer o noso concello”.

O párroco do Milladoiro, Josecho, quixo agradecer a colaboración e o esforzo do Concello de Ames por acoller a estes mozos e mozas “agradezo enormemente o esforzo do Concello de Ames por acoller aos xoves que participan nesta peregrinación. En O Milladoiro van facer noite 800 mozos e mozas chegados dende Madrid, para nós era moi difícil dar cabida a un grupo tan numeroso e o Concello de Ames fíxoo posible cedéndonos o pavillón municipal e o pavillón do IES do Milladoiro”. E engadiu “No que levamos de mes pasaron e van pasar polo Milladoiro máis de 3500 peregrinos e peregrinas e isto é moi bo para a nosa parroquia”. O párroco tamén quixo “agradecer o esforzo e a comprensión de todos os veciñas e veciñas do Milladoiro”.

Actividades da Peregrinación Europea da Xuventude 2022
A Archidiócese de Santiago de Compostela e a Subcomisión da Xuventude e Infancia da Conferencia Episcopal Española organizou diversas actividades para no marco da PEX.

Durante as xornadas de mércores, xoves e venres os 12 mil mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude teñen programadas catequeses, misas e talleres de ecoloxía, teatro, vocacionais, misións ou de comunicación. Ademais, todas as noites o exterior do Colexio Maior Xelmírez será o escenario dos concertos de máis 250 artistas.

O sábado e o domingo viviranse os actos centrais da Peregrinación Europa da Xuventude. Uns actos que van comezar o sábado en Bonaval cun acto de recepción ao enviado especial do Papa, o cardenal Marto. A continuación, os 12 mil mozos e mozas peregrinarán xunto ás autoridades ata a Catedral de Santiago de Compostela. Xa pola tarde, partirán ata o Monte do Gozo para vivir unha nova vixilia e máis concertos.

Xa na xornada do domingo os 12 mil mozos e mozas van asistir a unha misa que se vai celebrar na Catedral de Santiago de Compostela para poñer fin a esta edición da Peregrinación Europea da Xuventude.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pavillóns amesáns para 1.200 mozos peregrinos"

Enfoques: "Ames acogerá en pabellones a 1.200 participantes en la Peregrinación Europea de Jóvenes"

O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude

Multimedia

  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude
  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude
  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude
  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude
  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude
  • O Concello de Ames vai acoller máis de 1200 mozos e mozas da Peregrinación Europea da Xuventude