Solapas principales

O Concello de Ames segue a sumar habitantes e supera os 32.000 habitantes

Sábado, 24 de octubre de 2020

O concello de Ames continúa medrando pese á crise demográfica que afecta á maioría dos municipios galegos, rexistrando ata mediados deste ano 146 nacementos e situándose a súa poboación actualmente nos 32.337 habitantes, tendo en conta os datos provisionais que manexa o Concello a través do padrón municipal. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), Ames contaba a 1 de xaneiro de 2019 cun total de 31.793 habitantes (15.236 homes e 16.557 mulleres), o que supón que se sumou case 544 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a tendencia das últimas dúas décadas e segue medrando e sumando habitantes ano a ano.

O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se consolida como un municipio con máis de 30.000 veciños/as. Actualmente, tendo en conta os datos do IGE a 1 de xaneiro de 2019, Ames é o décimo segundo concello de Galicia en número de habitantes. Segundo os datos que manexa o departamento do padrón municipal actualmente hai censados en Ames 32.337 habitantes (15.550 homes e 16.787 mulleres), dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Deste xeito, o municipio amesán segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente. Ademais, Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo. Durante o 2019 houbo 271 nacementos e ata mediados deste ano 2020 contabilízanse 146 nacementos. En canto ás defuncións en 2019 houbo 192 e ata mediados deste ano producíronse 92 defuncións.

Reparto da poboación por localidades e parroquias
En Bertamiráns e no Milladoiro residen 22.451 habitantes, que representa o 69,42% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.435 habitantes censados (41,54% da poboación). Mentres que en Bertamiráns están censados 9.016 persoas (27,88% da poboación).

Os 9.886 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. En Agrón hai censados 358 habitantes; na Ameixenda 327 habitantes; en Ames 1.560 habitantes; en Biduído 1.633 habitantes; en Bugallido 1.578 habitantes; en Covas 1.037 habitantes; en Lens 88 habitantes; en Ortoño 2.613 habitantes; en Piñeiro 233 habitantes; en Tapia 120 habitantes; e en Trasmonte 339 habitantes.

Paridade en canto a sexos
Con todos os datos enriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen tres puntos e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.550 homes, que representa o 48% da poboación, mentres que elas son 16.787 e representan o 52%.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “o incremento poboacional sempre ten unha dobre lectura; por un lado resulta moi grato saber que a xente elixe o noso concello polos nosos servizos e pola calidade de vida que ofrece, pero por outro supón un compromiso máis de cara a seguir mellorando e incrementando instalacións e prestacións cunha plantilla municipal insuficiente e sen poder ampliala”.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). A 1 de xaneiro de 2019 o INE indica que Ames conta cun total de 31.793 habitantes (15.236 homes e 16.557 mulleres).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames suma 544 nuevas altas en el padrón y supera por primera vez los 32.000 habitantes"

O Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.435 habitantes censados