Solapas principales

O Concello de Ames reúnese con representantes do Banco Sabadell polo peche da súa sucursal no Milladoiro

Viernes, 22 de octubre de 2021

O Concello de Ames mantivo unha reunión con representantes do Banco Sabadell onte xoves 21, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames, ás 12:30 horas, por mor do peche da oficina do banco no Milladoiro dende este luns 18. Asistiron en representación do Concello, o alcalde, Blas García; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e a tesoureira municipal, despois de reclamaren por carta un encontro coa entidade o pasado mércores 20. Pola banda do Banco Sabadell, acudiron o seu xefe de zona e o director da sucursal de Bertamiráns, Rubén Villar. O alcalde resaltou o compromiso do Goberno Local coa cidadanía, “estando ao seu lado e apoiando calquera iniciativa para reverter o peche e os recortes neste tipo de servizos”.

A xuntanza tivo lugar un día despois de que o alcalde de Ames, Blas García, solicitara por carta unha reunión coa dirección da sucursal do Banco Sabadell Gallego de Bertamiráns e con representantes do banco, co fin de esclarecer cales foron os motivos polos que a entidade procedeu ao peche no Milladoiro, un núcleo que “medra ano tras ano e que aglutina tamén gran parte do tecido empresarial amesá”, segundo palabras do propio dirixente.

Durante o encontro, o Goberno Local mostrou o seu desacordo coa decisión tomada pola entidade bancaria no Milladoiro, e pediuse a reconsideración da mesma, ao entender que se trata dun núcleo estratéxico para a economía da zona e do propio concello por varios motivos. Por unha banda, O Milladoiro conta cunha importante cantidade de empresas instaladas no polígono do Novo Milladoiro e no seu propio núcleo. Ademais, trátase da vila de maior poboación do municipio, con 13.348 habitantes e cun crecemento demográfico e desenvolvemento urbano destacable nos últimos anos.

Os dous representantes do Banco Sabadell presentes na reunión incidiron en que decisións coma esta non están tomadas polas direccións locais ou rexionais, senón que chegan ditadas pola dirección central da entidade bancaria.

O alcalde de Ames, Blas García, mostrouse “preocupado polo xeito de proceder non só de esta entidade bancaria, senón pola política xeneralizada de peches e recortes na atención presencial do sector, o que provoca que certos colectivos non poidan acceder a este servizo básico para a cidadanía”. O alcalde resaltou o compromiso do Goberno Local coa cidadanía, “estando ao seu lado e apoiando calquera iniciativa para reverter o peche e os recortes neste tipo de servizos”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Pecha o Banco Sabadell para a urbe do Milladoiro"

AMSGO: "O Concello intenta reverter o peche do Sabadell do Milladoiro"

O Concello de Ames reúnese con representantes do Banco Sabadell polo peche da súa sucursal no Milladoiro

Multimedia

  • O Concello de Ames reúnese con representantes do Banco Sabadell polo peche da súa sucursal no Milladoiro
  • O Concello de Ames reúnese con representantes do Banco Sabadell polo peche da súa sucursal no Milladoiro