Solapas principales

O Concello de Ames reforza a súa aposta polo autoconsumo mediante comunidades enerxéticas nun foro o próximo 22 de novembro

Sábado, 18 de noviembre de 2023

O Concello de Ames despois de conseguir estar entre os únicos 5 proxectos en Galicia que lograron financiamento para a creación dunha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas locais, vai un paso máis alá e organiza un foro que reúne a representantes do Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e FEGAMP con dúas potentes comunidades enerxéticas da comunidade galega, Arousa en Transición e Moaña Solar. Tamén xuntará aos alcaldes dos concellos de Begonte e da Illa de Arousa para que poidan compartir a experiencia dos seus municipios neste evento.

As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. É dicir, compartir a enerxía producida para facer un uso máis sostible e xusto. Por norma xeral, as comunidades enerxéticas locais utilizan a enerxía solar fotovoltaica para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a instalación de paneis solares entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.

O alcalde, Blas García, destaca a importancia deste foro que “servirá de mostra non só para municipios, tamén para asociacións de particulares e empresas de todo Galicia para poder ver de primeira man as novas posibilidades de auto-abastecemento enerxético que ofrecen as comunidades enerxéticas”. O rexedor destaca que coa oficina que creará o Concello “Ames vaise converter nun referente en asesoría de comunidades enerxéticas”.

Perspectiva técnica e política
Este evento xuntará a experiencia de Arousa en Transición e Moaña Solar como asociacións referentes nos proxectos de comunidades enerxéticas con representantes do INEGA e da Oficina Next da Deputación da Coruña. Deste modo reuniranse nunha mesma mesa técnica representantes de comunidades enerxéticas co xefe do Departamento de Enerxía do Instituto Enerxético de Galicia e do servizo provincial da Coruña para o aproveitamento das oportunidades de financiamento de actuacións a través dos fondos de Recuperación.

Por outra banda tamén contará con presenzas políticas como as dos alcaldes de Begonte e da Illa de Arousa, que compartirán mesa co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que considera “un acerto” que existan iniciativas para a creación de comunidades enerxéticas pois “os seus principais obxectivos son o axuste dos custos enerxéticos para as familias, un obxectivo que comparte tanto o Goberno de España como a Unión Europea. Non podemos máis que aplaudir ao Concello de Ames por promover iniciativas desta relevancia”. O presidente continúa destacando que o máis importante do proxecto de Ames é que sexa amplificable a toda a provincia e afirma que dende o a deputación se quere crear unha “oficina de dimensión provincial para informar a todos aquel que teña interese en crear unha comunidade deste tipo”.

O Concello de Ames recibe unha axuda do IDAE para a creación dunha oficina de asesoramento
O Concello de Ames logrou a aprobación do proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria. O importe de axuda concedido ao Concello de Ames ascende a 80.000 euros, dos 120.000 euros que ten o presuposto para poñer en marcha a oficina de asesoramento para comunidades enerxéticas Cabe destacar que só se concedeu a axuda a aproximadamente o 50% dos Concellos solicitantes e, en Galicia, tan só cinco institucións foron quen de conseguir esta axuda. O alcalde, Blas García declarou no seu momento que esta “é a primeira vez que o Concello de Ames destina unha partida orzamentaria nesta materia, reflexo da seriedade da nosa aposta en materia de integración de enerxías renovables”, apunta García. “Debemos felicitarnos por esta xestión e seguir avanzando nesta dirección. Só o 50% por cento dos solicitantes conseguimos cumprir os requisitos e eso debémosllo agradecer ao gran traballo e talento dos técnicos municipais”.

Transcurso do acto
O acto comezará ás 10:30 cunha apertura inicial que correrá a cargo do alcalde de Ames, Blas García, e do Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila.

Despois desta apertura terán lugar dúas mesas de diálogo. A primeira será unha técnica composta por Gabriele von Hunderlshausen (xunta directiva de Arousa en Transición), Víctor Pastoriza Lino (Secretario e Cofundador de Moaña Solar), Raquel Piñeiro López (Oficina Next Generation da Deputación da Coruña) e Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo (Director do Departamento de Enerxía do INEGA).

A segunda das mesas, a política, contará co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes da Illa de Arousa e Begonte, Luís Arosa García e José Ulla Rocha.

Por último contarase na clausura do evento con María Barral Varela, vicepresidenta executiva da FEGAMP e con Pedro Blanco Lobeiras, Delegado do Goberno.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tendrá una oficina para impulsar comunidades energéticas y celebrará un foro para analizar este autoconsumo"

La Voz de Galicia: "Ames mostrará casos reales de autoconsumo en el foro del próximo miércoles"

Cartaz do foro sobre comunidades enerxéticas

Multimedia

  • Cartaz do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Programa do foro sobre comunidades enerxéticas