Solapas principales

O Concello de Ames recibe diferente material para reforzar a seguridade ante a pandemia do Covid-19

Jueves, 26 de marzo de 2020

O Concello de Ames ven de recibir unha partida de 600 láminas de PVC e gomas de costura para a fabricación de pantallas de protección e previr así posibles contaxios por coronavirus (Covid-19). A doazón, feita pola plataforma Cooperavirus, únese ás achegas feitas nos últimos días por persoal sanitario do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), a Clínica Dental Lindo Dente, e veciños e veciñas a título particular en materia de luvas, mascarillas, gafas protectoras e xel. Asemade, o alumnado do obradoiro de costura, que xestiona a Oficina do Voluntariado, está elaborando mascarillas con tea de algodón, fío e goma que conseguiu o Departamento de Benestar Social.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibiu hai uns días unha importante doazón de material para previr posibles contaxios na situación actual da pandemia por Covid-19. Persoal sanitario do CHUS doou unha partida de luvas, mascarillas, gafas protectoras e xel. Igualmente, ao Departamento de Promoción Económica cedéronlle diverso material de prevención ante posibles contaxios: Ricardo Paz, veciño de Ames, doou mascarillas; Nieves Padín, veciña de Brión, doou mascarillas e luvas; e a Clínica Dental Lindo Dente, situada en Bertamiráns, tamén doou luvas e mascarillas. Dende o Milladoiro, TNT Tatoo tamén achegou mascarillas e luvas e Paloma Center doou, igualmente, xel, luvas e mascarillas. O Café Bar Jisma colaborou coa doazón de produtos frescos, mentres que as escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena doaron luvas, xel e alimentos non perecedoiros.

Cooperavirus
A plataforma Cooperavirus, creada para poñer en contacto as necesidades dos centros sanitarios con organizacións e voluntarios que as poden satisfacer, tamén doou ao Concello 600 láminas de PVC transparente e gomas de costura, que servirán para a fabricación de pantallas de protección. A montaxe das mesmas correrá a cargo do persoal da Brigada de Obras e do reparto encargarase a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Repartiranse entre a Policía Local, Brigada de Obras, Servizos Sociais e outro personal municipal, ademáis de en farmacias, empresas concesionarias municipais e outros sectores que as necesiten.

Elaboración de mascarillas
Asemade, dende o Departamento de Benestar Social adquiriuse tea de algodón, fío e goma para a elaboración de mascarillas. O alumnado do obradoiro de costura, que xestiona a Oficina do Voluntariado, é o encargado de proceder á súa elaboración.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradece “todas estas doazóns, así como os distintos ofrecementos realizados por particulares e empresas para colaborar. Estamos a vivir un momento crítico no que vemos como xurde a solidariedade e responsabilidade da cidadanía, o que nos anima a todas e a todos a loitar conxuntamente para gañar esta batalla”.

material chus