- Tematica
Un ano máis, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través desta iniciativa, que se vén desenvolvendo dende hai máis de vinte anos, familias galegas acollen durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís. Nesta edición, en Ames hai acollidos un total de 8 nenos e nenas, que están pasando o verán no municipio ata os días 5 e 6 de setembro que volverán ao Sáhara. Os 8 rapaces e rapazas (catro nenos e catro nenas) repiten experiencia, xa que estiveron en Ames na pasada edición. As familias participantes tamén repiten, excepto unha familia que é nova este ano e acolleu a unha nena (Duaa).
Catro nenas (Duaa, Fadala, Zaina e Mariam) e catro nenos (Jalihena, Hadi, Mohamed e Laraibi) repetiron experiencia e participaron durante este verán no programa Vacacións en Paz 2025 con familias de acollida amesás. As familias participantes tamén repiten experiencia, excepto unha familia que é nova este ano e acolleu a unha nena (Duaa). As familias acolledoras destacan que para elas “é unha experiencia marabillosa e moi enriquecedora que nos axuda a valorar máis o que temos e a ser persoas máis solidarias”.
A súa estancia en Ames é posible grazas ao programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A iniciativa consiste en que os cativos e cativas, que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) poidan escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.
Para rematar a súa estancia en Galicia, as crianzas visitaron esta semana o salón de plenos da Casa do Concello, onde tivo lugar unha recepción oficial. Os rapaces e rapazas, xunto coas súas familias e a representante de SOGAPS na comarca, Esther Ybarra, foron benvidos polo alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e o técnico de integración social, Leo Pena; así como por diversos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos grupos políticos municipais do Partido Popular, BNG e Espazo Común.
O alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor a longa colaboración do Concello de Ames con SOGAPS e o programa Vacacións en Paz. O rexedor municipal interesouse por como pasaron o verán en Ames estes oito nenos e nenas e destacou que “a labor que fan as familias de acollida é vital para estes rapaces e rapazas. O Concello de Ames leva colaborando moitos anos neste programa, independentemente de quen goberne e da cor política do goberno de Ames. Dende o Concello imos seguir colaborando con este programa, e se é posible, farémolo en maior medida”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, agradeceu “ás familias acolledoras a súa solidariedade, xa que participar neste programa supón un gran esforzo. Eu son familia acolledora e estes últimos días son os máis intensos, nos que todas as cousas que se fan se viven con maior intensidade. A participación das familias é fundamental para que o programa Vacacións en Paz poida realizarse, e por sorte en Ames temos moitas familias acolledoras. Tamén hai que destacar o traballo que fai SOGAPS para poder levar a cabo esta iniciativa ano tras ano”.
Esther Ybarra, voceira de SOGAPS na comarca, explica que “durante este verán hai 305 nenos e nenas en Galicia co programa Vacacións en Paz. A gran maioría dos nenos e nenas son repetidores e iso axuda moito durante a súa estancia. Aquí podemos ofrecerlles moitas cousas boas, pero non podemos substituír as súas familias. Durante o verán estiveron fenomenal aquí, pero agora teñen que volver. O obxectivo deste programa é proporcionarlles aos rapaces e rapazas unha estancia agradable e humanamente rica, así como contribuír así á súa formación e detectar enfermidade graves, se as hai. Mentres o Sáhara non sexa libre, SOGAPS seguirá traballando para darlles un verán libre”.
Os nenos e nenas saharauís contaron como foi a experiencia de pasar este verán en Ames e noutros lugares de Galicia e tamén recibiron unha mochila con material escolar. Como cada ano, ademais de actuar de mediador entre as familias amesás e SOGAPS, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz achegando o importe dos billetes de avión de ida e volta de cada neno/a.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Concello de Ames recibe aos oito nenos saharauís acollidos polas familias locais"
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames despide os oito nenos e nenas saharauís acollidos no programa ‘Vacacións en Paz’"
























