Solapas principales

O Concello de Ames realizou inspeccións ás atraccións das Festas da Madalena para incrementar as garantías de seguridade

Sábado, 02 de agosto de 2025

Un equipo de técnicos de Enmacosa Consultoría Técnica estivo durante o día de onte no Milladoiro, por encargo do Concello de Ames, realizando a inspección da montaxe e probas de funcionamento das atraccións de feira instaladas na localidade para a celebración das Festas da Madalena que comezaron o día de onte.

Os técnicos comprobaron que as atraccións non conten con aristas que poidan resultar cortantes, así como ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias relevantes nos cordóns de soldadura das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

O Concello de Ames contratou a Enmacosa para a realización destes controis técnicos para incrementar as garantías de seguridade nestas instalacións, cumprindo así coa Lei de Espectáculos de Galicia. Unha vez finalizada a inspección dúas das atraccións instaladas non puideron iniciar a súa actividade e foron precintadas.

Analizáronse tamén outros requisitos relacionados coa seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.

Respecto da estabilidade estrutural, o equipo técnico controlou que os carteis, focos ou carcasas decorativas conten con garantías de solidez, así como que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares presenten un estado de conservación perfecto e estean homologados para o seu uso. De feito, non se permiten cintos de seguridade gastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou un corte no subministro, poidan afrouxarse co peso ou o empuxe dunha persoa.

Todas as revisións realízanse, na súa maior parte, mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar termos relativos ao deseño do aparato, que serían obxecto da correspondente homologación. Os controis non analizan o estado das tensións internas de calquera eixe ou compoñente mecánico, nin tampouco as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos que son obxecto dunha inspección técnica regular similar á ITV dos vehículos.

O traballo de Enmacosa Consultoría Técnica complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en funcionamento as atraccións deberán mostrar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese que detallen especificamente os riscos e, de ser o caso, as limitacións de idade e altura.

A compañía conta con equipos multidisciplinares para desenvolver estas funcións, compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames precinta dos atracciones de las fiestas de A Madalena, en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Fiestas de O Milladoiro: Ames precinta dos atracciones de feria por fallos de seguridad"

Inspección Madalena

Multimedia

  • O Concello de Ames realizou inspeccións ás atraccións das Festas da Madalena para incrementar as garantías de seguridade
  • O Concello de Ames realizou inspeccións ás atraccións das Festas da Madalena para incrementar as garantías de seguridade