Solapas principales

O Concello de Ames quere crear unha améndoa central no núcleo de Bertamiráns

Martes, 02 de noviembre de 2021

Facer do núcleo de Bertamiráns un espazo atractivo, configurar un espazo de uso maioritariamente peonil ou crear espazos que favorezan o paseo eses son algúns dos obxectivos da humanización que o Concello de Ames quere levar a cabo no núcleo de Bertamiráns coa creación dunha améndoa central. Para conseguilo a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vai licitar un contrato de servizos para a redacción do proxecto, dirección facultativa e de coordinación de seguridade e saúde da creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns. O valor do contrato ascende a 68.584 euros. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80% e o no 20% restante polo Concello de Ames.

O concello de Ames converteuse na periferia máis grande de Galicia, o que levou a que os núcleos urbanos que o compoñen medrasen dun xeito rápido e sen un Plan director comarcal que defina a estruturación do territorio.  En concreto, Bertamiráns adoece dunha escaseza de servizos e zonas verdes por número de habitantes, da falta de espacio para a interactuación veciñal, dunha elevada contaminación acústica e dunha gran cantidade de tráfico rodado. Neste contexto, preséntase a necesidade de crear un eixe que vertebre todo o núcleo urbano de Bertamiráns a través da peonalización de rúas e da creación dun espazo cidadá que favoreza o paseo, as actividades comerciais e de ocio sen o uso do vehículo particular.

A delimitación da améndoa Central de Bertamiráns e as actuacións proxectadas para o espazo viario formarán parte dunha estratexia integrada e integral que pretenderá incidir, de forma coordinada, en aspectos sociais, económicos e demográficos que contribúan a unha cidade máis competitiva, máis intelixente e máis equilibrada territorial, social e ambientalmente, permitindo así a todo o municipio avanzar cara a un futuro máis sostible.

Proxecto de humanización de Bertamiráns
A améndoa central de Bertamiráns medirá preto de 16 hectáreas e comprende o entorno da intersección da Avenida da Maía coa Avenida da Peregrina (oeste), a travesía da Peregrina e a Avenida J.L. Azcárraga (norte), Camiño Novo, travesía do Lodeiro e paseo fluvial (este) e as rúas Agrelo e Alcalde Lorenzo (sur).

Con este delimitación preténdese configurar un espazo de uso maioritariamente peonil que englobe importantes puntos de atracción da poboación como son a Casa Consistorial, o Pazo da Peregrina ou a Praza da Maía. Permitirá, ademais, o acceso a pé a outros puntos de interese coma o parque do Ameneiral, os centros educativos ou os establecementos comerciais. O ámbito tamén contará cunha importante bolsa de aparcamento público.

As actuacións pretenden que esta améndoa se converta nun gran espazo cidadá en que se dea prioridade aos percorridos a pé ou en bicicleta. As liñas xerais das actuacións propostas están encamiñadas ao incremento do espazo peonil e a implantación de sentidos únicos de circulación e a supresión de bandas de aparcamentos nas rúas do Ameneiral, rúa Entrerríos, Agrelo, travesía na confluencia coa avenida da Maía e coa travesía da Peregrina.

Licitación da Redacción do proxecto
O primeiro paso desta humanización é a contratación da Redacción do Proxecto de Execución, a Dirección de Obra e a Coordinación de Seguridade e Saúde da execución das actuacións no núcleo urbano de Bertamiráns para a creación dunha améndoa central.  O valor do contrato ascende a 68.584 euros.

O contrato terá unha duración aproximada de 20 meses contados a partir do día seguinte ao da formalización do mesmo. Para a adxudicación do contrato teranse en conta, entre outros, criterios a oferta económica, ata un máximo de 49 puntos; a experiencia na redacción de proxectos de urbanización e humanización, cun máximo de 23 puntos; a experiencia en dirección facultativa de obra, cun máximo de 14 puntos e a experiencia en coordinación de seguridade e saúde, cun máximo de 14 puntos.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80% dentro do Programa Operativo Plurirexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, Impulsa Ames e do 20% polo Concello de Ames. Enmárcase na liña A8, “Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirregional de España–FEDER. Ademais, está vinculado coa implementación doutras liñas de actuación que contribúen a alcanzar conxuntamente outro dos obxectivos estratéxicos da DUSI Impulsa Ames “Asegurar a anclaxe da poboación xuvenil do concello, poñendo á súa disposición espazos atractivos para o ocio e a cultura” dotando ao núcleo urbano de Bertamiráns de espazos que o fagan atractivo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou “a través de distintas melloras nas rúas sinaladas, teremos un espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer, espazos de centralidade no núcleo, que os faga atractivos para o paseo, as compras e o lecer veciñal, que sexa útil como punto de encontro e relación coa veciñanza e sexa, ademais, un motor comercial e de desfrute do concello”. E engadiu “coas distintas actuacións contribuirase a mellorar o medio ambiente urbano ambiental, paisaxística e urbanisticamente que conlevará un benestar na poboación”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Máis espazos peonís coa améndoa de Bertamiráns"

AMSGO!: "Peóns, bicicletas e menos coche privado: o Concello quere unha améndoa central en Bertamiráns"

O Concello de Ames quere crear unha améndoa central no núcleo de Bertamiráns

Multimedia

  • O Concello de Ames quere crear unha améndoa central no núcleo de Bertamiráns
  • O Concello de Ames quere crear unha améndoa central no núcleo de Bertamiráns